O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA INSTA AO CONCELLO A RECUPERAR O PLAN CAMIÑOS DO RURAL E A LIMPEZA DE SENDAS E CAMIÑOS RURAIS QUE SE ATOPAN “ESQUECIDOS E INTRANSITABLES”
Os socialistas sinalan que “fai un ano e catro meses que se atopan totalmente abandonado” e pídenlle o rexedor que remate coa inacción e facilite o traballo os viticultores, motor económico da comarca
A concelleira socialista, Noelia Rodríguez, lembra que durante o mandato socialistas “construíronse, acondicionáronse e arranxáronse máis de 40 camiños rurais, coa mellora da seguridade e os accesos”
O PSdeG-PSOE de Ribadavia defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que insta ao Concello a recuperar o Plan de Camiños do Rural, en convenio coa Deputación de Ourense, “coa maior brevidade posible”. Os socialistas tamén lle esixen o grupo de goberno do PP que mellore a limpeza de sendas e camiños públicos, abrindo novos camiños ou os pasos que existen entre as distintas fincas, e que segundo apuntan “fai un ano e catro meses que se atopan totalmente esquecidos e intransitables”.
Dende o Grupo Municipal Socialista de Ribadavia denuncian a “inacción e o abandono” do goberno municipal ao rural, xa que durante o ano e medio de mandato, o “desleixo” do alcalde, César Fernández, en temas de colaboración co rural e cos agricultores da zona é “total”, deixando “no esquecemento” o motor económico de toda unha comarca, coma é o viño, da que viven moitas familias e que se atopan con que os pasos as fincas e viñedos están “totalmente intransitables”, situación que dificulta moito as súas tarefas e que ademais “supón un risco en caso de incendio”.
A concelleira dos socialistas de Ribadavia, Noelia Rodríguez, lembra que durante o goberno socialista na anterior lexislatura, “concretamente no último ano”, levouse adiante “a construción, preparación, acondicionamento e arranxo de máis de corenta camiños rurais, que deron acceso a moitas familias aos seus terreos, facilitando o paso de vehículos agrícolas e de transporte”. A concelleira socialista apunta a que “descoñecemos o motivo polo cal o alcalde de Ribadavia, non fixo uso deste plan tan necesario para o noso concello, xa que en materia económica non supón un gasto que non se poida asumir”.
Esta reivindicación chega nun momento de grande importancia para a zona do Ribeiro, que se a topa inmersa nestes momentos nas tarefas da vendima. Cabe recordar que “esta labor é o sustento de moitas familias ao longo do ano, e agora os viticultores atópanse cos accesos ás fincas sen limpar ou adecentar”, explica Rodríguez Travieso, que tamén indica que “estes días deberíanse levar a cabo as limpezas e desbroces das pistas e camiños e de xeito especial naqueles nos que se atopan os viñedos, debido a que a vendima xa comezou”.
O plan de colaboración da Deputación de Ourense para a mellora de camiños do rural, ten como principal obxectivo colaborar cos concellos, na ampliación, mellora ou mantemento dos camiños rurais, co fin de renovar estes viais que serven de acceso ás explotacións agrícolas, gandeiras e vitivinícolas, mellorando considerablemente e dando un servizo fundamental para os agricultores e viticultores, que hoxe traballan en época de vendima.
Os socialistas “non dan creto” a que o alcalde e deputado provincial, “non realice nin unha soa actuación neste senso”. Noelia Rodríguez considera que “este é un exemplo máis do desleixo e abandono do PP cara Ribadavia” e apunta a que “é indignante que o rexedor abandone deste xeito os viticultores, cando son un dos principais motores económicos da nosa vila”. Os socialistas esixen que se comece cos labores de roza e limpeza da maleza, para a mellora da circulación e da seguridade nos camiños, xa de por sí estreitos, e que deste xeito, se mellore a seguridade dos viticultores.