Gómez Reino pregunta no Congreso pola supresión do Avant das 6:45 que une Ourense con Compostela e A Coruña

O voceiro de Galicia en Común no Comgreso vén de preguntar a RENFE sobre a supresión do Avant das 6:45 entre Ourense e A Coruña, que daba servizo a preto de 100 persoas diariamente.

Esta frecuencia leva inoperativa dende o pasado 20 de setembro e era utilizada, fundamentalmente, por estudantado e funcionariado que se desprazaba diariamente á capital galega ou á cidade herculina. “A frecuencia posterior ás 7:55 da mañá”, sinala a pregunta rexistrada hoxe, “chega Compostela pasadas as 8:30 da mañá e preto das 9 á Coruña, o que impide que moitos funcionarios e funcionarias que viven habitualmente en Ourense poidan chegar a tempo ao seu posto de traballo”.

“A única alternativa ao ferrocarril para as persoas usuarias é o coche, moito máis caro, lento e menos ecolóxico”, sinalou esta mañá o voceiro de Galicia en Común lembrando que “os peaxes entrea cidade de As Burgas e a capital galega suponen un custo de 6,05 euros por trexecto, elevándose a 13 euros no caso da cidade herculina.

A provincia de Ourense é ademais unha das provincias galegas con peor conectividade, polo que a supresión dunha frecuencia fundamental como a das 6:45 horas supón un agravio comparativo para os seus habitantes, en xeral, e para as arredor de 100 persoas que diariamente utilizaban este servizo.

Non é a primeira iniciativa deste tipo que presenta Galicia en Común, que o pasado 10 de setembro presentaba unha Proposición non de lei para que RENFE restituíra as frecuencias que eliminou dende o mes de marzo e que non volveron operar tras o levantamento das restriccións de mobilidade tras o Estado de Alarma. 

Publicidade