
O pleno aprobou hoxe inicialmente as contas da institución, que ascenden a 79,7 millóns de euros, con partidas económicas que priorizan plans e políticas sociais e a cooperación cos concellos
A corporación aprobou tamén o outorgamento do título de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao escultor Buciños, pola súa intensa e exitosa traxectoria artística, que contou permanentemente co recoñecemento da crítica e da sociedade en xeral
.- O pleno da Deputación de Ourense na súa sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro de 2020 aprobou hoxe inicialmente o orzamento xeral da institución provincial para o exercicio 2021, incluíndo os do Inorde e as achegas para os consorcios provinciais contra incendios e Augas de Valdeorras, sendo un ano máis a primeira administración pública de España en facelo. O importe total ascende a 79,7 millóns de euros.
Entre as partidas económicas figuran: un Plan de Fomento do Emprego, que terá unha relevante importancia, cunha dotación de 1.830.000 €; así como a continuidade das axudas á natalidade, con 300.000 € e á mocidade, con 549.000 €. Tamén se mantén o incremento da achega económica para o Programa de Acción Social en Cooperación cos Concellos, por importe de 1.200.000 €, xunto coa aportación para as reparacións e melloras das vías provincias, para o que se destina un total de 1.300.000 €.
No apartado de cooperación cos concellos, os municipios da provincia recibirán 2.087.000 € en forma de transferencia de capital para os seus investimentos, e prevese manter un Plan de Gastos Correntes para aqueles concellos que acrediten insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do Plan de Cooperación para Obras e Servizos. Asemade, mantense a financiación dos G.E.S. na parte que deberían aportar os concellos, cun total de 900.666 € e dótase ao Consorcio provincial de Incendios con 1.419.750 €. Tamén se segue coa liña de subvencións a deportes (350.000 €), o Programa Esquiou e o Plan Tarazana de Actividades Recreativas e Culturais (200.000 €).
En canto á cooperación universitaria da Deputación de Ourense mantense a subvención nominativa á UNED en Ourense por importe de 430.995 € e á Universidade de Vigo (Campus de Ourense) por 220.000 €, mentres que para o proxecto RED.es a Deputación achega un importe total de 597.804 €.
Neste apartado económico, o pleno acordou tamén modificar as bases do Plan Provincial de Cooperación e do Plan Provincial de Mocidade, para que os concellos da provincia poidan utilizar estes recursos económicos no que entendan máis necesario e urxente para os seus territorios, xa sexa para adherirse ao réxime xeral contemplado nas bases actuais ou solicitar o ingreso nas arcas municipais para paliar os efectos do COVID-19, excluíndo gastos de retribucións, axudas de custo e asistencias de cargos representativos ou de designación política e dos gastos de servizos que se atopen total ou parcialmente financiados con achegas da Deputación diferentes ás previstas nas bases. Tamén se acordou manter as bases do Plan Provincial de Empregabilidade, e seguir traballando e cooperando entre o goberno e a oposición en prol do benestar dos veciños e veciñas da nosa provincia.
Outro dos asuntos destacados foi a aprobación por parte da corporación provincial do outorgamento do título de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao escultor Buciños, un recoñecemento do pobo de Ourense “a unha intensa e exitosa traxectoria artística, que contou permanentemente co recoñecemento da crítica e da sociedade en xeral, tanto polo ámbito creativo como pola súa xenerosidade con esta provincia, á que, debido ao seu labor, lle aporta gran relevancia na faceta cultural”.
A totalidade dos asuntos aprobados hoxe son os seguintes:
RATIFICACIÓN DA RESOLUCIÓN DA PRESIDENCIA NO RECURSO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO INTERPOSTO POR CANTERAS VILLAMARTÍN
Acordo:
Ratificar a resolución da Presidencia do 28 de agosto de 2020, co seguinte contido:
“Con data 27/08/2020 a Xefa da Sección Xurídica da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade notificou á Deputación de Ourense que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia 0003-A Coruña (en adiante TSXG-003) reclamara a esa Consellería o expediente administrativo da aprobación definitiva do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira dende a estrada OU-0807, promovido pola Deputación de Ourense, ao obxecto de que esta entidade local, como interesada e de conformidade co disposto na Lei reguladora de xurisdición contencioso administrativa, puidese comparecer e constituírse como parte nos autos ante o órgano xurisdicional no prazo de 9 días.
O 23 de marzo de 2018 o Pleno da Deputación acordou por unanimidade propoñer ao Consello da Xunta a aprobación definitiva do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira dende a estrada OU-0807 e do expediente de información pública, facendo constar a urxencia da actuación, da que depende dar unha solución axeitada ao acceso ao núcleo de poboación de San Vicente cuxa problemática se ven arrastrando dende hai máis de vinte anos.
Resulta de interese para a defensa dos intereses públicos propios desta Administración a defensa da legalidade do dito proxecto polo que se debe comparecer ante o TSX de Galicia no procedemento ordinario 7248/2020.
A competencia para aprobar este acordo correspóndelle ao Pleno en virtude do disposto o artigo 33.2.i) da LRBRL. Non obstante, e como o prazo para comparecer ante o TSX de Galicia remata o 9 de setembro de 2020 e a próxima sesión ordinaria está fixada para o 25 de setembro de 2020, a competencia correspóndelle ao Presidente en virtude do disposto no artigo 34.i) da dita norma, debendo dar conta ao Pleno na primeira sesión que se celebre para a súa ratificación.
Polo exposto, dispoño:
1. Comparecer e constituírse como parte no procedemento ordinario 7248/2020 que se segue ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia interposto por Canteras Vilamartín SL contra a resolución do Consello da Xunta de Galicia de 30 de xaneiro de 2020, polo que se acorda ter por desistida a Elva Arias León, en representación da Canteras Vilamartín SL sobre a aprobación definitiva do proxecto de trazado do acceso ao núcleo de San Vicente de Leira desde a estrada OU-0807.
2. Ordenar ao Gabinete de asesoría xurídica e asistencia a municipios que leve a cabo a defensa dos intereses provinciais no procedemento ordinario 7248/2020 que se segue ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
3. Dar conta ao Pleno na primeira sesión que se celebre a efectos da súa ratificación”.
CONTA XERAL DA DEPUTACIÓN, DO INORDE, DO CONSORCIO PROVINCIAL DO SERVIZO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO E DO CONSORCIO DE AUGAS DE VALDEORRAS CORRESPONDENTE AO EXERCICIO 2019
Acordo:
1º.- Aprobar as contas xerais correspondentes ao exercicio 2019, de acordo co establecido no artigo 212.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co seguinte detalle:
Primeiro.- Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense do exercicio 2019, da que se obteñen os seguintes datos:
• Resultado orzamentario axustado: 23.422.141,22 €
• Remanente de tesourería para gastos xerais: 37.748.208,73 €
• Balance de situación: 2.502.267.179,14 €
• Resultado económico patrimonial: – 40.862.982,52 €
Segundo.- Conta Xeral do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico do exercicio 2019, da que se obteñen os seguintes datos:
• Resultado orzamentario axustado: 322.475,80 €
• Remanente de tesourería para gastos xerais: 363.537,74 €
• Balance de situación: 17.675.022,65 €
• Resultado económico patrimonial: 270.660,50 €
Terceiro.- Conta Xeral do Consorcio provincial para o servizo contra incendios e salvamento do exercicio 2019, da que se obteñen os seguintes datos:
• Resultado orzamentario axustado: 700.832,67 €
• Remanente de tesourería para gastos xerais: 1.537.062,89 €
• Balance de situación: 9.346.592,14 €
• Resultado económico patrimonial:- 19.493,15 €
Cuarto.- Conta Xeral do Consorcio de augas de Valdeorras do exercicio 2019, da que se obteñen os seguintes datos:
• Resultado orzamentario axustado: – 33.421,12 €
• Remanente de tesourería para gastos xerais: – 506.497,45 €
• Balance de situación: 1.338.335,01 €
• Resultado económico patrimonial: -283.557,66 €
2º.- Proceder á rendición da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2019 ao Consello de Contas de Galicia, cumprindo co preceptuado no artigo 212.5 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.
RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS 1/2020
Acordo:
Autorizar a imputación aos créditos de gasto do orzamento corrente de 2020 das facturas referidas a este apartado.
EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS E DAS BASES DE EXECUCIÓN DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2020 MEDIANTE SUPLEMENTOS DE CRÉDITO E CRÉDITOS EXTRAORDINARIOS
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos do expediente, co seguinte detalle:
CRÉDITOS EXTRAORDINARIOS
APLICACIÓN | EXPRESIÓN | IMPORTE € |
932.11/226.99 | Recadación municipal. Outros gastos diversos | 3.000,00 € |
341.11/482.05 | Promoción e fomento do deporte. Subvencións a Clubs e Entidades. | 360.500,00 € |
166.11/650.03 | Plano de cooperación provincial. Plans provinciais | 224.857,64 € |
Total CE . | 588.357,64 € |
SUPLEMENTOS DE CRÉDITO
APLICACIÓN | EXPRESIÓN | IMPORTE € |
912.11/226.01 | Corporación provincial. Atencións protocolarias e representativas | 83.062,53 € |
011.11/359.00 | Outras entidades financeiras. Outros Gastos | 40.000,00 € |
433.00/831.000 | Desenvolvemento empresarial. Préstamo a longo prazo | 448.470,00 € |
Total SC. | 571.532,53 € |
RESUMO
Suma créditos extraordinarios ………………………………………………………. | 588.357,64 € |
Suma suplementos de crédito …………………………………………………… | 571.532,53 € |
RECURSOS UTILIZADOS
Remanente Tesourería. | 1.159.890,17 € |
2º.- Nas bases de execución do orzamento da Deputación Provincial de Ourense é necesario concretar o capítulo IV de gastos que se ve modificado neste expediente, polo que se procede á especificación dos beneficiarios, da finalidade e dos importes destas subvencións nominativas, para as que se habilita crédito extraordinario axeitado e suficiente, nesta modificación orzamentaria: Con cargo á aplicación orzamentaria 341.11/482.05 “Fomento do Deporte. Subvencións e clubs e entidades”,
Beneficiario | Finalidade | Importe € |
Real Federación Española de Atletismo | Organización do Campionato de España de Atletismo en pista cuberta no 2020 | 49.500,00 € |
Federación galega de Hockey | Instalación do centro de tecnificación de Galicia | 73.000,00 € |
Escola deportiva Secundino Basalo | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 8.000,00 € |
Ourense, C.F. | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 32.500,00 € |
U.D. Ourense | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 53.500,00 € |
C.D. Arenteiro | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 25.000,00 € |
Cidade das Burgos, F.S. | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 26.000,00 € |
C.D. Barco | Gastos de funcionamento 2019/2020 | 15.000,00 € |
Federación galega Judo | Escolas deportivas Deputación 2020 | 3.000,00 € |
Asociación Ourensá de Xadrez | Escolas deportivas Deputación 2020 | 7.000,00 € |
Federación galega Balonmán | Escolas deportivas Deputación 2020 | 3.000,00 € |
Fundación ADO Moure | Actividades ano 2020 | 6.000,00 € |
Federación galega atletismo | Actividades en pista cuberta 2020 | 6.000,00 € |
Campus Ourense Rugby | Gastos de funcionamento tempada 2020/2021 | 20.000,00 € |
Pavillón C.F. | Gastos de funcionamento tempada 2020/2021 | 33.000,00 € |
TOTAL 341.11/482.05 | 360.500,00 € |
3º.- Aprobar inicialmente a modificación do obxecto das subvencións nominativas de carácter puramente cualitativo, e que non supón incremento do gasto xa previsto no orzamento orixinal de 2020. Esta variación non cuantitativa afectan ao capítulo IV e VII de gastos, co seguinte contido:
a) Con cargo á aplicación orzamentaria 450.12/ 762.01 “Cooperación provincial. A Concellos subvencións ..” nas bases de execución dos orzamentos do 2020, prevíase unha subvención ao Concello de Boborás para “ Batalla ” por importe de 18.800,00 euros. Baseándose na solicitude presentada polo Concello de Boborás de data 03 de xuño de 2020 e entrada no rexistro electrónico da Deputación o mesmo día, xustificando o cambio de finalidade de acordo coa Disposición Adicional Terceira do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo COVID-19, e considerando o risco que suporía a organización desa celebración na situación na que nos atopamos, procedese a modificación da finalidade da que pasa a ser a de “Proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado
público” .
450.12/ 762.01 “ Cooperación provincial. A Concellos subvencións .”
Beneficiario | Finalidade | Importe |
Concello de Boborás | Proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público | 18.800,00 € |
b) Con cargo á aplicación orzamentaria 334.20/462.13 “ Actividades culturais e recreativas. Ao Concello de Xinzo. Festa esquecemento” nas bases de execución dos orzamentos do 2020, prevíase unha subvención ao Concello de Xinzo de Limia para “Celebración da Festa do Esquecemento do 2020” por importe de 15.000,00 euros.
Baseándose na solicitude presentada polo Concello de Xinzo de Limia de data 21 de agosto de 2020 e entrada no rexistro electrónico da Deputación o mesmo día, xustificando o cambio de finalidade de acordo coa evolución diaria da pandemia da COVID-19 que fixo que a planificación de eventos a medio e longo prazo sexa complicada, e a ORDE do 15 de agosto de 2020 da Xunta de Galicia, pola que se aplican novas restricións ao ocio nocturno e aos actos multitudinarios, levounos a cancelar definitivamente as actividades previstas para esa edición de común acordo co organizador do evento. Ao tratarse dunha subvención finalista, concedida o 24 de agosto de 2020 para o financiamento da propia celebración, solicitan o cambio para destinar esta partida para realizar outras alternativas relacionadas, que redundarán positivamente no propio Esquecemento.
Polo exposto anteriormente, procedese a modificación da finalidade da subvención, que pasa a ser a de “Promoción, investigación e divulgación da Festa do Esquecemento e do pasado histórico do concello na época romana” conservando a mesma aplicación orzamentaria.
334.20/ 462.13 “Actividades culturais e recreativas. Ao Concello de Xinzo. Festa do esquecemento 2020 ”
Beneficiario | Finalidade | Importe |
Concello de Xinzo de Limia | Promoción, investigación e divulgación da Festa do Esquecemento e do pasado histórico do concello da época romana | 15.000,00 € |
4º.- Conforme co previsto no artigo 33.1 c) da Lei 7/1985 LBRL e no art. 70.1 do RD 2568/1986 polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais é competencia do Pleno das Deputacións Provinciais a aprobación e modificación dos orzamentos, nos cales se atopan incluídas as bases de execución dos mesmos, de acordo co disposto no artigo 165 do RD Lex. 2/2004 polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
5º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.
O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.
ORZAMENTO XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA O EXERCICIO 2021
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente o orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o ano 2021, co detalle que figura nos resumos seguintes:
A.- ENTIDADE LOCAL
Estado de gastos:
Capítulo 1.- Gastos de persoal | 32.937.824,57 € |
Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos | 19.815.314,99 € |
Capítulo 3.- Gastos financeiros | 57.996,73 € |
Capítulo 4.- Transferencias correntes | 12.684.696,69 € |
Capítulo 5.- Fondo de consistencia | 70.000,00 € |
Capítulo 6.- Investimentos reais | 10.090.800,13 € |
Capítulo 7.- Transferencias de capital | 3.041.166,49 € |
Capítulo 8.- Activos financeiros | 300.000,00 € |
Capítulo 9.- Pasivos financeiros | 702.200,40 € |
Total gastos | 79.700.000,00 € |
Estado de ingresos:
Capítulo 1.- Impostos directos | 4.600.000,00 € |
Capítulo 2.- Impostos indirectos | 4.090.000,00 € |
Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos | 4.823.995,66 € |
Capítulo 4.- Transferencias correntes | 65.429.266,24 € |
Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais | 99.012,00 € |
Capítulo 6.- Alleamento de investimentos reais | 21.000,00 € |
Capítulo 7.- Transferencias de capital | 336.726,10 € |
Capítulo 8.- Activos financeiros | 300.000,00 € |
Total ingresos | 79.700.000,00 € |
B.- INORDE
Estado de gastos:
Capítulo 1.- Gastos de persoal | 1.048.014,27 € |
Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos | 547.859,48 € |
Capítulo 4.- Transferencias correntes | 184.180,00 € |
Capítulo 6.- Investimentos reais | 31.946,25 € |
Capítulo 8.- Activos financeiros | 5.000,00 € |
Total gastos | 1.817.000,00 € |
Estado de ingresos:
Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos | 2.020,00 € |
Capítulo 4.- Transferencias correntes | 1.787.516,00 € |
Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais | 10.010,00 € |
Capítulo 7.- Transferencias de capital | 12.454,00 € |
Capítulo 8.- Activos financeiros | 5.000,00 € |
Total ingresos | 1.817.000,00 € |
2º.- Aprobar as bases de execución do orzamento xeral, segundo figuran no expediente.
3º.- Aprobar os cadros de persoal, que se dividen en persoal funcionario, laboral e eventual, de acordo co artigo 126 do Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986.
4º.- De acordo co artigo 169 da LRFL, o orzamento xeral será exposto ao público, logo de anuncio previo no Boletín Oficial da Provincia, polo prazo de 15 días hábiles, durante os que os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno. O orzamento considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.
DELEGACIÓN DO CONCELLO DE NOGUEIRA DE RAMUÍN NA DEPUTACIÓN DE OURENSE DA COMPETENCIA PARA A TRAMITACIÓN DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DA CONCESIÓN DE SERVIZOS DE EXPLOTACIÓN DO EMBARCADOIRO E EDIFICIO DE RECEPCIÓN DE VISITANTES NO ENCORO DE SANTO ESTEVO
Acordo:
Aceptar a delegación solicitada polo Concello de Nogueira de Ramuín, consistente no exercicio das facultades que ese Concello ten atribuídas como órgano de contratación da concesión do servizo de explotación do embarcadoiro e edificio de recepción de visitantes no encoro de San Estevo, condicionando esta a que por parte do Concello de Nogueira de Ramuín se tramiten e aproben as actuacións preparatorias do contrato de concesión de servizos previstas nos artigos 284.2 da LCSP, relativo á ordenanza reguladora do servizo que estableza o seu réxime xurídico, que declare expresamente que a actividade de que se trata queda asumida polo concello como propia del, que determine o alcance das prestacións en favor dos administrados e que regule os aspectos de carácter xurídico, económico e administrativo relativos á prestación do servizo, e 285.2 da LCSP, relativo ao estudo de viabilidade da concesión.
OUTORGAMENTO DO TÍTULO DE FILLO ADOPTIVO DA PROVINCIA DE OURENSE A MANUEL GARCÍA DE BUCIÑOS VÁZQUEZ
Acordo:
Outorgarlle o título de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense a don Manuel García de Buciños Vázquez, de conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, e consonte coa proposta formulada polo instrutor do expediente, un recoñecemento do pobo de Ourense “a unha intensa e exitosa traxectoria artística, que contou permanentemente co recoñecemento da crítica e da sociedade en xeral, tanto polo ámbito creativo como pola súa xenerosidade con esta provincia, á que, debido ao seu labor, lle aporta gran relevancia na faceta cultural”.
REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO PAZOS DOS DEPORTES “PACO PAZ”
Acordo:
1º) Aprobar inicialmente o Regulamento de utilización e funcionamento do Pazo dos Deportes “Paco Paz”.
2º) O presente acordo someterase a información pública por prazo de trinta días hábiles, mediante anuncio inserido na sede electrónica da Deputación e no Boletín Oficial da Provincia, para a presentación de reclamacións e suxestións, que, no seu caso, deberán ser resoltas polo Pleno. No caso de non presentarse reclamacións ou suxestións en prazo, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial.
Unha vez aprobado definitivamente o Regulamento de utilización e funcionamento do Pazo dos Deportes “Paco Paz”, procederase á publicación do texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia.
BASES REGULADORAS DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2021
Acordo:
1º.- Aprobar inicialmente as bases reguladoras do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2021.
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2021.
1. O Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais para o exercicio 2021 comprenderá as seguintes clases de investimentos:
– Investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación Provincial.
– Investimentos en obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, modificada por Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local.
2. O Plan provincial 2021, tanto no apartado da rede viaria provincial coma no relativo ás obras municipais (neste caso ata o importe máximo establecido para cada termo municipal nestas bases) financiarase na súa integridade pola Deputación Provincial de Ourense, resultando en consecuencia o seguinte cadro básico de financiamento:
Obras municipais:
- Deputación Provincial: 100,00 %
Obras da Rede Viaria Provincial:
- Deputación Provincial: 100 %
3. Non obstante, no caso das obras municipais, os concellos voluntariamente poderán efectuar achegas adicionais para o financiamento das obras, alterándose automaticamente o cadro de financiamento neses supostos. Doutra banda, incluiranse igualmente no Plan Provincial, todas aquelas obras para as que os concellos soliciten a súa inclusión, dotadas de financiamento exclusivamente municipal ou procedente doutras administracións públicas, para os efectos de obter a declaración de utilidade pública de cara a posibilitar a obtención de terreos mediante expropiación forzosa.
4. A distribución do investimento prevista no Plan Provincial 2021 é a seguinte:
a. Investimento total previsto na Rede Viaria Provincial: 1.500.000,00 €
Achega da Deputación á RVP (100%): 1.500.000,00 €
b. Investimento total previsto en obras municipais (incluída a Entidade Local Menor de Berán): 4.716.000,00 €, dos cales 4.440.000,00 € destinados á execución material das obras e 276.000,00 € destinados a servizos complementarios á execución das obras.
Subvención Deputación obras municipais (100,00 %): 4.716.000,00 €,
5. A distribución territorial por concellos do investimento en obras municipais efectuarase mediante a asignación a cada concello da provincia dunha cota alícuota de investimento subvencionado, resultando un investimento por termo municipal de 51.000,00 €; da dita cantidade, 48.000,00 € destinaranse ó financiamento dos contratos de execución material das obras e 3.000,00 € ó financiamento dos contratos de servizos complementarios á execución das obras (con especial consideración das asistencias técnicas para a redacción de proxectos, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das actuacións).
O investimento con cargo a fondos provinciais asignado a cada concello poderá dedicarse a unha ou varias obras, a elección dos concellos, podendo supoñer o seu financiamento íntegro ou parcial, sempre e cando as obras correspondan a competencias municipais.
Sen prexuízo do anterior, e tal e como se sinala no apartado 3, poderán incluírse investimentos de contía superior á achega provincial, correspondentes á mesma obra ou obras subvencionadas ou a outras obras, sempre e cando o concello achegue o financiamento complementario preciso.
6. No plan poderanse incluír obras adicionais para a utilización de remanentes producidos por anulación de obras. As ditas obras deben cumprir os requisitos necesarios para seren incluídas no Plan segundo o establecido nesta base.
7. Os remanentes das achegas provinciais obtidos por baixas na adxudicación das obras (tanto municipais como da rede viaria provincial), destinaranse na súa integridade ó financiamento de obras da rede viaria provincial; os remanentes das achegas municipais, de se-lo caso, reintegraranse ó concello respectivo.
Co fin de garantir o dereito dos municipios á participación na elaboración do Plan, estes poderán formular solicitudes para a inclusión de obras. As ditas solicitudes serán aceptadas obrigatoriamente pola Deputación Provincial, sempre que se formulen en tempo e forma e as obras reúnan os requisitos establecidos na base 2ª.
As solicitudes deberán dirixírselle ó presidente da Deputación e deberán ter entrada no rexistro electrónico xeral da Deputación ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas antes de que remate o día 27 de novembro de 2020. Este prazo terá carácter improrrogable. A falta de formulación da solicitude en prazo dará lugar á perda do dereito á participación no Plan Provincial.
2º.- Someter a trámite de información pública, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, e na sede electrónica da Deputación, as bases inicialmente aprobadas polo prazo de 10 días hábiles, durante os cales as entidades interesadas poderán formular as alegacións ou suxestións que consideren oportunas, que deberán ser resoltas motivadamente no acto de aprobación definitiva.
No caso de non formularse alegacións en prazo, entenderanse automaticamente aprobadas as bases de forma definitiva, procedendo á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.