O Bng denuncia irregularidades na tramitación da mina de litio de Beariz

A explotación mineira afecta nunha primeira fase aos concellos de Beariz e Avión e podería extenderse en fases sucesivas a Forcarei, Cerdedo e A Lama. O grupo nacionalista demanda no parlamento galego que o proxecto se someta á avaliación de impacto ambiental

AUDIO NOA PRESAS

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG leva mañá a debate na comisión segunda do parlamento galego unha proposición non de lei sobre a tramitación do proxecto de explotación mineira Alberta 1 (1ª fracción) na que solicita que o proxecto se someta ao trámite de avaliación de impacto ambiental previsto na lei 21/2013 de avaliación ambiental. Esta norma sinala que deben someterse a este trámite os proxectos mineiros que poidan producir augas ácidas, que exploten minerais radioactivos e que se sitúen a menos de 1 km de núcelos urbanos. Todas estas características concorren no proxecto mineiro Alberta I.

Esta iniciativa parlamentaria do BNG responde ás demandas de numerosas organizacións que nos últimos meses denunciaron tanto os riscos desta explotación mineira como as supostas irregularidadesn cometidas na tramitación do proxecto polos departamentos de minas e de medio ambiente da Xunta de Galiza.

Entre os riscos sinalan a contaminación de acuíferos con augas ácidas, a creación de depósitos de entullos e a destrución de hábitas de interese xa que a a explotación mineira atópase nas proximidades da Serra do Cando, declarada Rede Natura 2000. Nesta zona están as nacentes de regatos que son afluentes do Lérez e o do Oitavén.

En canto ás irregularidades, teñen que ver coa permisividade da administración galega ao eximir á empresa do trámite da avaliación ambiental ordinaria. Por outra parte, a empresa prevé desenvolver o proxecto de explotación en distintas fases, co cal estariamos diante dunha práctica fraudulenta consistente na división dun proxecto maior en pequenos proxectos para eludir as garantías ambientais.

Inicialmente a empresa promotora tramitou no anos 2013 o pase a concesión de explotación dunha superficie de 85 cuadrículas mineiras (2.395 hectáreas) nos concellos de Avión (parroquias de Baiste e Couso), Beariz (parroquias de Beariz e Xirarga), Forcarei (parroquias de San Miguel e Santa María de Presqueiras) A Lama (parroquias de Barcia do Seixo e Seixido) e Cerdedo (parroquias de Cerdedo e Folgoso), Posteriormente, en 2018, solicitou permiso de explotación dunha superficie de 60 cuadrículas mineiras (1.680 hectáreas) denominada Coto Tocayo e situada nas proximidades dos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón.