A Cultura non se cancela no Carballiño

Míguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine e historiador

A CULTURA NON SE CANCELA NO CARBALLIÑO. Iso deberían sabelo no Carballiño, pero polo visto no seu Concello non se enteran… A vila está agora no nivel 2 por imposición de Sanidade, pero non me refiro a iso, que os seus motivos terán os sanitarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Refírome a que o cine e o teatro mantéñense á marxe das restricións porque cumplen ao detalle con todos os protocolos e todas as normativas. É máis: non se sabe en ningún lugar do mundo que houbera un só contaxio por Covid, nun cine ou nun teatro. Nótase ben que algúns alcaldes e concelleiros NON frecuentan nin o cine nin o teatro a cotío, por iso desde a ignorancia “decretan” a SUSPENSIÓN de varias actividades para esta fin de semana no Carballiño: o seu cine club suspende LA ODISEA DE LOS GILES prevista para mañá venres e Tiruleque Grupo de Teatro apraza as dúas obras previstas na longa fin de semana dentro da XIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”, pola mesma razón.

Sumamos a iso a suspensión da homenaxe ao fotógrafo Moncho Fuentes pola Asociación Fotográfica Potiños e o recital músico-poético MUSICANDO VERSOS previsto para o domingo a ceo aberto (ollo, a ceo aberto!) na Ínsua dos Poetas.

O concello dispón do Auditorio e considera que CINE e TEATRO SON MOI PERIGOSOS. Lamentable… Mentres, en Ourense, que está “confinada”, os cinéfilos e aficionados poderán asistir ás salas de Ponte Vella, por certo ben seguras. E ben sei do que falo: vimos de celebrar en Ourense a 25ª edición do Ourense Film Festival, con 100 proxecións e outras actividades sen ningunha incidencia…

E miren señores alcaldes e concelleiros, a Cultura tamén é industria, dela vive moita xente e traballan para facernos a vida máis levadeira a tod@s. Pola conta que lles ten, cóidanse ben de asumir todas as prevencións. Mágoa que haxa alcaldes e concelleiros (polo demais “xente letrada” que se di, no caso do Carballiño) tan ostentosamente contrarios á Cultura. Ben que o sinto. Será un fin de semana soleado, pero moi triste… A CULTURA, CANCELADA.

ENGADIDO POSTERIOR

Amplio a miña reflexión ao fio de algúns comentarios que me chegan: obviamente os últimos responsables de suspender ou adiar os actos, son os colectivos organizadores. Seguro que desde o Concello non se diu orde algunha para iso, pero ben sabemos que se exerce presión “ambiental” para que iso ocorrera, “non sexa que pase algo…”. Esa é a miña queixa: desde a Praza Maior a responsabilidade coa CULTURA é a contraria: animar aos colectivos a que sigan adiante coas súas actividades, poñer a seu dispor Auditorio, persoal e o que cumpra, e ESIXIRLLES toda a precaución necesaria. Ben sabemos que iso non se fixo, prefiren CANCELAR a CULTURA. É a miña opinión. Moito ánimo a tod@s!