O alcalde informa da situación do Carballiño e do cribado que se realizará nos próximos días

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, informaba esta mañá de que os casos de coronavirus activos no municipio son 106, 21 máis ca na xornada de onte. Este incremento está a supoñer que se endurezan as medidas restritivas. O Carballiño pasará dende as 00:00 horas desta madrugada a nivel 3, o que supón que se endurecen as medidas en relación ós sectores sociais; as mais destacadas, as da hostalería, nos que só os restaurantes poderán servir no interior a un máximo de 5 persoas por mesa.

Publicidade

Estas medidas non afectarán á mobilidade, polo momento. Dende o concello piden prudencia, que se limiten as saídas ó mínimo indispensable e esperan que a dureza destas medidas permitan estabilizar a situación. O alcalde informa que nos próximos días farase un cribado con tests entre os veciños, así como ao persoal municipal e de axuda no fogar.

Esta cifra de contaxios deixa ó Carballiño cunha incidencia que ascende a 770 casos por 100.000 habitantes, superando seis veces a incidencia da comunidade galega.

A capitalidade comarcal é a que presenta os datos máis preocupantes, pola maior poboación, pero que pode transmitirse aos concellos limítrofes polo estreito contacto social evidente. O número total de casos activos de coronavirus en toda a comarca do Carballiño pasaba esta mañá dos 130 positivos. Na xornada de onte, o resto de concellos da comarca sumaban en total 29 casos activos. Hoxe Boborás informaba de 9 casos activos, un menos ca onte.

Todas as autoridades municipais piden a poboación que sexamos responsables e respectuosos coas normas establecidas polo ben de cada un e dos demais.

No caso do Ribeiro, Ribadavia presenta hoxe 27 casos activos, cun gromo importante de 17 persoas.