O alcalde Gonzalo P. Jácome segue a dar bandazos, e volve demostrar non ter nin proxecto, nin modelo de cidade

Os nacionalistas fan estas aseveracións logo da reunión mantida esta mañá a proposta da alcaldía para tratar a renovación da frota de buses urbanos pero na que o alcalde non ofreceu ningún soporte nin documental nin técnico sobre como quere proceder co servizo

O vivido na reunión convocada para esta maña polo alcalde Gonzalo P. Jácome cos diferentes portavoces municipais co obxecto de tratar a renovación da frota dos autobuses urbanos do concello, constatou, segundo o BNG, o que os nacionalistas veñen denunciando desde o inicio do actual mandato, “o alcalde nin ten proxecto, nin ten modelo de cidade, nin sabe cómo xestionar os diferentes servizos municipais, soamente sabe dar bandazos”.

Dita aseveración ven dada polo feito de que na xuntanza, o alcalde non aportou ningún tipo de documentación que avalara as súas pretensións, limitándose simplemente a facer consideracións sobre o que quere facer e agardando a aprobación do resto dos grupos.

Publicidade Premer na Imaxe

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense resulta chamativo que o alcalde fale de mercar ao redor de 30 novos autobuses cun custe estimado nuns 10 millóns de euros pero sen ter claro nin coñecer polo miúdo as necesidades reais do servizo. Para o BNG antes de plantexar o número de vehículos a mercar, cómpre coñecer a situación das liñas, a necesidade de amplialas nalgúns casos e mesmo de implementar liñas novas polo que ata que non estén ben definidos os percorridos e os servizos a prestar, resulta difícila saber o número de autobuses necesarios para cubrir todas as necesidades.

Tampouco aportou ningún informe técnico en relación coa tipoloxía de autobuses a adquirir. Estamos a falar dunha cuestión que non é menor e que ten que ver coa sustentabilidade medioambiental e coa eficiencia e rendibilidade dos propios vehículos. O alcalde non soubo determinar se o concello apostará por buses de gas, eléctricos, híbridos, de gasoil, etc, xa que non hai informes técnicos que avalíen os pros e os contras de cada un dos modelos.

E polo modelo é polo que o Portavoz do BNG Luis Seara preguntou ao alcade, pois tampouco definiu que tipo de xestión se vai levar a cabo no servizo de transporte público. Para Seara “estamos ante unha oportunidade de recuperar para a xestión directa un servizo moi importante para o concello tal e como están facendo outras cidades”, para engadir, “se o alcalde estase plantexando gastar 10 millóns de euros en mercar novos buses, nós apostamos por que cando menos, valore técnicamente a posibilidade de remunicipalización do servizo, postura que ademáis defendemos desde o BNG”.

En definitiva e segundo o BNG do Concello de Ourense, estamos ante unha nova reunión oca de contido, onde non se aporta documentación nin se ofrece información veraz sobre os plans do goberno e onde o alcalde limítase a  facer comentarios pero carentes de soporte documental.