Sanidade eleva os nives de restrición no Carballiño a nivel 3

A Consellería de Sanidade decidiu elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño e aplicarlle as medidas do nivel 3.  Así o decidiu logo da xuntanza do subcomité clínico que tivo lugar hoxe e na que se fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia.

Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes no concello e estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas medidas publicaranse hoxe no DOG e entrarán en vigor dende esta medianoite.

Tras analizar a situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, o subcomité clínico  non considerou necesario establecer novas restricións noutras zonas, agás as xa  mencionadas no concello do Carballiño. Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas non convivintes e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

No nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames)

Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto. Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de non convivintes.