Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) coa xutna directiva da FEMP.

 A sala de xuntas da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a reunión constitutiva do Comité Técnico Provincial, un novo órgano executivo que terá como principal obxectivo facer unha detallada análise do funcionamento de todos os servizos provinciais, “marcando todas as semanas as liñas estratéxicas de traballo nun contexto de adaptación continua ás actuais circunstancias de pandemia”, explicou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que tamén preside o comité.

Dada a implicación de todos os departamentos da institución provincial, este novo órgano executivo está formado polos responsables das áreas nas que se estrutura orgánicamente a Deputación. O grupo de traballo ten como vicepresidente ao deputado delegado de Administración Provincial e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, estando tamén integrado polo secretario xeral e mailo vicesecretario, os responsables das áreas de Benestar, Transparencia e Goberno Aberto, Medio Ambiente e Infraestruturas, así como tamén a interventora e o tesoureiro.

Cada luns, o Comité Técnico Provincial avaliará e planificará o desenvolvemento do traballo na Deputación, implantando as medidas que se consideren necesarias e analizando o estado dos plans e programas que xa están en marcha, “contemplados nas directrices de acción política do plan de mandato 72-73, ao que non renuncia este goberno provincial e que procura a súa adaptación ás circunstancias sanitarias, económicas e sociais”, subliñou o presidente da Deputación.

Manuel Baltar destacou que desde o inicio da pandemia “a institución provincial e o grupo  de goberno deron mostras da súa capacidade de adaptación a esta crise sanitaria e ás súas consecuencias, poñendo en marcha un amplo paquete de medidas para axudar aos concellos, ás empresas e entidades sociais”. Agora, puntualizou, nesta segunda ola da Covid-19, o Comité Técnico Provincial facilitará a intercomunicación entre todas as áreas de traballo e garantirá o correcto funcionamento de todos os programas incluídos na carta de servizos da Deputación, que ten como principal destinatario aos concellos, pero sobre todo aos ourensáns como beneficiarios”.