O Psdeg-Psoe de Cartelle insta ao concello a adecuación do camiño da Veiga

O Psdeg-Psoe de Cartelle insta ao concello a adecuación do camiño da Veiga co fin de mellorar as comunicacións entre a ou-0215 e a ou-404 no termo municipal de Pereda

Os e as socialistas afirman que se trata dunha obra que “non lle suporía ao concello un forte investimento, nin habilitar unha partida económica dun alto custe para as arcas municipais”, xa que tal e como relatan “basta cunha mellora no asfaltado”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereiras, sinala que a mellora do camiño “non só facilitaría a comunicación, senón que suporía un avance na seguridade viaria e un recorte nos tempos de viaxe”

Cartelle, 16 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de rexistrar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que insta ao concello ao asfaltado do camiño da Veiga, en Pereda. Os e as socialistas consideran que a adecuación deste camiño permitiría mellorar as comunicacións entre a estrada OU-404, de titularidade autonómica, e a OU-0215, de titularidade provincial.

Dende o grupo municipal socialista afirman que se trata dunha obra que “non lle suporía ao concello un forte investimento, nin habilitar unha partida económica dun alto custe para as arcas municipais”. Tal e como explican o firme do camiño da Veiga “é aceptable, debido principalmente ao tipo de terreo sobre o que se localiza, polo que cunha simple mellora do asfaltado, sería suficiente”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, fai fincapé en que arranxando o camiño da Veiga “facilitaríase notoriamente a comunicación entre a OU-404, que une Castrelo de Miño con Celanova e a OU-0215, que comunica Toén e Cartelle”. Neste senso, o edil socialista tamén apunta que “ademais da mellora das comunicacións, tamén se melloraría a seguridade viaria dos vehículos que a diario circulan polo camiño e recortaríase o tempo de viaxe para conectar dunha estrada a outra”.

Pereiras Vázquez pon de manifesto que a intención da moción presentada polo PSdeG-PSOE “é mellorar a calidade de vida e os desprazamentos que a veciñanza fai a cotiá por dito camiño” e subliña que o PSOE “seguirá facendo unha oposición construtiva neste mandato, aportando ideas e proxectos que permitan que Cartelle desenvolva e acondicione novas infraestruturas, e mellore a súa imaxe”.

O camiño da Veiga, en Pereda é unha construción que foi ampliada trala concentración parcelaria de Cartelle e que tal e como apuntan os e as socialistas “moitos veciños e veciñas empregan a diario para desprazarse entre dúas das estradas con maior volume circulatorio do concello”.