O líder dos socialistas galegos amósase disposto a traballar nunha xestión descentralizada do Pazo de Meirás cando “haxa unha sentencia firme que o posibilite xuridicamente” e sempre que a finalidade fundamental sexa “recuperar a memoria democrática”

Noelia Rodríguez anuncia que traballará para axudar “aos máis prexudicados” pola crise da covid en Ribadavia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ribadavia en compañía de quen será a futura alcaldesa da vila, a socialista Noelia Rodríguez, para amosar o seu respaldo a un goberno progresista para a capital do Ribeiro.

“É unha satisfacción e unha responsabilidade que os socialistas poidamos levar adiante unha coalición de goberno para que Ribadavia poida entrar nunha nova etapa coa socialista Noelia Rodríguez como alcaldesa”, aseverou Caballero, quen puxo en valor o compromiso de Rodríguez “co concello e coas ideas e concepcións progresistas”.

Así, o líder dos socialistas galegos enxalzou un cambio no bastón de mando do municipio que permitirá “levar adiante proxectos que prioricen ás persoas” en Ribadavia, un concello “con tanta historia de loita polos dereitos, polas liberdades, pola esquerda e polo progresismo”.

Nesta liña, o líder dos socialistas galegos lamentou que “o PP non ten a capacidade de xerar alianzas, sinerxias nin levar adiante uns orzamentos para este concello”, xa que “se van cumprir dous anos de mandato municipal e non hai perspectiva de que vaia adiante ningún proxecto importante para o municipio”.

“O concello necesita un cambio e os socialistas queremos cumprir con este cambio dando un paso adiante e permitindo o progreso deste concello”, o que suporá cambiar “as prioridades” do municipio para “facer políticas de proximidade e de defensa das persoas” que “protexan á xente ante unha crise de tanta envergadura”.

Neste senso, incidiu na aposta por “políticas sociais, de igualdade, de promoción económica e culturais para unha Ribadavia que é unha representación perfecta do que é a mestura da tradición, cultura e bo facer do noso pobo e da nosa xente”.

“Estou especialmente satisfeito de que vaia ser unha muller quen dea este cambio de progreso a Ribadavia”, destacou o máximo dirixente dos socialistas galegos, quen sinalou que “é a primeira vez que unha muller vai ser alcaldesa do municipio”, un feito “que poñemos en valor” porque “as mulleres non poder ter límites á hora de ocupar espazos de representación pública”.

“COMPROMISO CON RIBADAVIA”

Pola súa banda, a futura alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, amosou o seu compromiso coa vila e asegurou que xa está a traballar “nuns orzamentos sociais que o PP non foi quen de presentar en tempo e forma nesta crise que estamos padecendo en Ribadavia”.

Así, reiterou que a prioridade do goberno progresista de Ribadavia será traballar “para axudar aos máis prexudicados” por esta crise, “hostalería e restauración”, dado que “unha porcentaxe moi alta de familias de Ribadavia viven deste sector e estano a pasar moi mal”. Ademais, anunciou “ideas máis ambiciosas” para axudar ao comercio local e ao sector vitivinícola, “motor que move o Ribeiro”.

En canto ao eido social, Rodríguez anunciou que “brindaremos os servizos sociais, o SAF e as súas coidadoras, e o Asilo da Nosa Señora dos Anxos”, onde houbo moitas persoas afectadas pola covid “e na que se perderon seis vidas”, sinalou a socialista.

No encontro do líder do PSdeG coa futura alcaldesa de Ribadavia tamén participaron o secretario provincial do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e as deputadas socialistas Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta, ademais de concelleiros socialistas na vila.

O PAZO DE MEIRÁS

En paralelo, preguntado polos usos do Pazo de Meirás, Gonzalo Caballero aseverou que “non podemos permitir que, dende a dereita, se tenten buscar escusas ou determinados sistemas perversos para evitar que Meirás supoña a recuperación da memoria democrática”.

Así, destacou que “estamos dispostos a traballar en que o pazo sexa xestionado pola Xunta, pero sempre terá que ser cunha sentencia firme que o posibilite xuridicamente e cun mecanismo institucional que blinde a cesión sen que a Xunta poida terxiversar as fins da súa recuperación”.

Nesta liña, recordou que “a finalidade fundamental” da súa recuperación é “loitar pola memoria democrática e a recuperación da memoria histórica”, así como “enxalzar a democracia e condenar o franquismo”. Así, “cando o pazo teña garantido que a memoria democrática é o seu principal uso, tamén haberá espazo para recuperar a figura de Pardo Bazán”, sinalou.

Por último, Caballero lembrou que foi un goberno progresista “quen conseguiu recuperar Meirás para o público”. Neste senso, criticou que “co goberno de Rajoy nunca se deron pasos para recuperar o pazo” e “Feijóo amosaba unha complicidade constante con estas prácticas”, o que supón que “cos gobernos de dereitas, o Pazo de Meirás nunca estaría en mans do público”.