O Senado aproba unha moción do PP para axilizar a tramitación e cobro das axudas para a renovación de alumeado público

Nunha proposta presentada e defendida polo senador popular Miguel Ángel Viso

A iniciativa ten como obxectivo acabar coa demora de ata dous anos que afecta ao programa de eficiencia e aforro enerxético do IDAE, que está a provocar importantes tensións de tesourería nos pequenos concellos, máxime cando na actualidade as entidades locais vense na obriga de destinar fondos para paliar as consecuencias económicas e sociais da Covid-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado aprobou hoxe unha moción do Partido Popular na que se solicita a adopción de medidas para axilizar a tramitación e cobro da parte subvencionable, adiantada polos concellos, das axudas para a renovación do alumeado público, concedidas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A proposta, presentada e defendida polo senador popular ourensán Miguel Ángel Viso, ten como obxectivo acabar coa demora de ata dous anos que afecta a este programa e que provoca importantes tensións de tesourería nos pequenos concellos, máxime cando na actualidade as entidades locais vense na obriga de destinar fondos para paliar as consecuencias económicas e sociais da Covid-19.

Na defensa da súa proposta, Miguel Ángel Viso subliñou que a eficiencia e o aforro enerxético constitúen hoxe un obxectivo prioritario para as administracións, en particular no tocante ao alumeado público onde España rexistra un dos maiores gastos por habitante e ano dentro da Unión Europea. “Un dos puntos máis sensibles desta situación radica nos concellos rurais, xa que o consumo eléctrico deste servizo representa un custo moi importante para as arcas municipais, debido ao elevado número de puntos de luz e gran dispersión entre eles”, sinalou o deputado ourensán.

Dado o potencial aforro enerxético que pode alcanzar ata un 65 % do consumo e custos actuais, moitos concellos decidiron solicitar as axudas que o IDAE concede para a renovación das instalacións de alumeado público mediante a tecnoloxía LED, traballos que requiren un elevado investimento en relación coa capacidade de gasto anual das entidades locais no rural.

Non obstante, destacou Miguel Ángel Viso, a tramitación do programa por parte do IDAE é moi lenta, de tal xeito que “nalgúns casos desde que se tramita a solicitude ata que se pode iniciar a contratación pasan máis de dous anos, e unha vez executada e pagada a obra os conocellos teñen que esperar moito tempo para cobrar a parte subvencionable que deben aportar, en ocasións ata un 20 % do orzamento anual, o que provoca importantes tensións de tesourería”.

Esta situación, engadiu, ten hoxe un maior relevo como consecuencia da pandemia, “posto que os pequenos concellos teñen que derivar moitos recursos á loita contra a Covid-19 e para paliar as consecuencias económicas e sociais que está a provocar”.

En consecuencia, na moción presentada polo senador popular e aprobada na comisión da Cámara Alta se solicita “a adopción das medidas oportunas co fin de axilizar as tramitacións, previa á contratación, dos expedientes do programa de axudas para a renovación de alumeado público concedidas polo IDAE”, ademais de “activar os medios técnicos que permitan incorporar as xustificacións para tramitar o cobro da parte subvencionable, xa adiantada polos concellos”.