A Deputación de Ourense presenta a edición número 34 do Anuario da Gaita

A publicación, realizada a través da Escola de Provincial de Gaitas, inclúe traballos de investigación científica de carácter internacional realizados por especialistas de Alemaña, Arxentina, Inglaterra ou Portugal. 

A Deputación de Ourense presentou hoxe unha nova edición, a número 34, do Anuario da Gaita, publicación que realiza a través da Escola Provincial de Gaitas e que recolle en preto de cen páxinas os eventos e traballos máis destacados do 2019 en torno ao mundo deste instrumento. O Pazo Provincial acolleu a presentación deste novo traballo coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Nun ano atípico que mediatiza os costumes, dixo Rosendo Fernández, “a Escola de Gaitas e o seu director seguen apostando por unha publicación que é unha auténtica enciclopedia musical e de investigación”, engadindo que o seu contido “lle outorga a categoría de excelencia cultural e contribúe a situar a Ourense dun modo claro e diferenciado na música tradicional”. 

Nesta liña e no contexto da pandemia, Rosendo Fernández destacou como un dos fitos do mundo da gaita a iniciativa do presidente da Deputación, Manuel Baltar, -recollida no prólogo do anuario- para homenaxear de xeito permanente ás vítimas da Covid-19, ás súas familias e ao persoal esencial durante o confinamento, “cun acto solidario e musical, o gaiteiro da catedral, que todos os días do ano interpreta desde este templo o himno da provincia, “Ourense no solpor”, unindo música, solidariedade e tradición”. 

Pola súa banda, o director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo, destacou a trascendencia do Anuario, “froito dese labor calado que hai que facer en tempos de coronavirus e que vai máis aló da provincia, o que se reflicte no seu contido e na procedencia dos traballos de investigación científica realizados por especialistas de Alemaña, Arxentina, Inglaterra ou Portugal, así como doutros puntos de Galicia e da península ibérica”.  

Neste sentido anunciou que teñen en previsión organizar unha homenaxe ao investigador alemán Fritz Schneider, durante a 35 Xuntanza Internacional de Gaiteiros que cada ano se celebra en Monterrei, “como recoñecemento á súa continua colaboración co Anuario deste a primeira edición”. Actuacións, festivais, o Museo da Cornamusa ou novidades editoriais e audiovisuais completan o contido do anuario. 

Xosé Lois Foxo tamén destacou o labor da Escola de Gaitas, “que neste tempo de pandemia está realizando un esforzo por manter vivo o noso instrumento, potenciando a actividade didáctica con clases online para alumnos de Xapón, China, Rusia, Alemaña, Inglaterra ou Estados Unidos, ademais de clases individuais no caso presencial ou ensaios ao aire libre. Unha actividade á que se une, desvelou, o ensaio dunha ópera “que se as circunstancias o permiten tentaremos presentar no concerto de reis”.