O BNG pide que se restableza a atención presencial no ambulatorio

O grupo municipal do BNG do Carballiño defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción para activar de inmediato as consultas presenciais en Atención Primaria para dar resposta ás demandas derivadas da covid-19 e do resto das patoloxías e para rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas necesarias para a prevención de contaxios, para garantirlle unha atención sanitaria digna á poboación.

A decisión que tomou o Sergas ante a situación de pandemia foi que a atención sanitaria se centrara preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas tanto os e as profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma.

AVANTAR ACTIVIDADES

As consecuencias son desastrosas, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras) persoas facendo cola á intemperie para acceder ao noso centro de saúde.

A voceira do BNG no Carballiño, Sofía García, ademáis de  demandar a  reactivación das consultas médicas, demandará instar á Xunta de Galiza aumentar nos centros de saúde co número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral. Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%. E publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.

Para a o BNG a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación. “Esta situación pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía…”

A voceira nacionalista conclúe que “é preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal, máis información e máis accesibilidade. É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías.”