Martín Seco lamenta que Galicia “é a rexión europea cun peor nivel de aproveitamento dos seus recursos”
Incidiu na necesidade “dunha política económica integradora no noso territorio” que recupere o medio rural, fomente o comercio de proximidade e sexa respectuosa co medio natural
O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamou o uso dos fondos europeos para a reconstrución como “revulsivo” para acometer unha transformación da economía galega, logo de “12 anos sen un estudo e posta en valor das nosas capacidades”. Seco, que interveu na Comisión de Reconstrución trala comparecencia de Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da USC, lamentou que Galicia “é a rexión europea cun peor nivel de aproveitamento dos seu recursos”.
O responsable socialista incidiu na necesidade “dunha política económica integradora no noso territorio” que recupere o medio rural, fomente o comercio de proximidade e sexa respectuosa co medio natural. Seco reivindicou un medio rural con “máis e mellor xestión” e precisou a necesidade “dunha reforma estrutural baseada nos usos que se lle poidan dar ás terras para mobilizar produtividade e ter un mellor aproveitamento das superficies”.
Seco destacou a importancia da “ordenación do territorio”, a través de “políticas que poñan en valor o desenvolvemento da actividade rural”. Neste senso, recalcou a “necesidade dunha mellor ordenación dos usos do solo, entre superficies urbanizables e superficie de vocación forestal, que contemple a ordenación por especies e a planificación dos recursos forestais” e urxiu a necesidade de “aplicar medidas para axilizar o uso de superficies abandonadas”.
Doutra banda, o socialista lamentou o avellentamento da sociedade e “a fuxida da nosa xuventude cualificada cara o exterior”. Así, incidiu na “parálise aguda” que está a vivir a maior parte de Galicia, que “crece só en dous polos concretos, A Coruña e Vigo”. Neste senso, destacou que Galicia ten índices en I+D “á cola de Europa”, cocientes de produtividade “reducidos por mor da pequena dimensión das empresas”, “un escaso uso da tecnoloxía”, unha “deficiente” rede de ferrocarril interna, un medio rural “abandonado”, así como un medio natural “maltratado”.
Por último, o responsable socialista criticou “a incapacidade” do goberno galego para desenvolver o tecido industrial e lamentou que, ata o de agora, “se desenvolveu unha política económica marcada pola pasividade” que está a causar “unha constante perda de peso do noso país no conxunto da economía estatal”.