O grupo socialista reclámalle á Xunta que modifique o protocolo de actuación fronte á velutina e que declare a situación de praga

Paloma Castro alerta de que o protocolo “carece de efectividade práctica” ao eximir a Seaga de intervir para descargar nos concellos

Publicidade

O PP rexeita a proposta socialista para modificar o protocolo e pedir a declaración da velutina como praga, pechando así as portas a axudas económicas para os apicultores

Santiago de Compostela, 04 de novembro de 2020. A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe á Xunta que modifique o protocolo de actuación fronte á velutina, que ten demostrado que “carece de efectividade práctica algunha”. Castro presentou unha proposición non de Lei en Comisión para pedirlle á Xunta que declare a situación de praga para abrir a porta a axudas para os apicultores afectados, pero que foi rexeitada polo PP.

A parlamentaria socialista dixo que “xa é hora de que se fagan as cousas ben” para frear a invasión dun insecto que ameaza o equilibro do ecosistema e deixa malferido ao sector do mel. Reclama así adaptar o protocolo de prevención e actuación con “máis sombras que luces”, contando ademais coa Asociación Galega de Apicultores para adaptalo aos novos avances na materia.

Pediu que amplíe os supostos nos que intervén a empresa Seaga na recollida dos niños “para facer este plan eficaz e liberar aos concellos dun custe que non lles corresponde”. Castro explica que o plan exime á empresa no caso de emerxencias, niños demasiado altos, en propiedade privada, sen visualización directa, espazos pechados, risco eléctrico, dominio de infraestruturas, imposibilidade de acceso, con risco de dano medioambiental ou instalacións de uso público.

A pregunta é, concluíu, “cando acude Seaga”, xa que na práctica son os bombeiros e os apicultores voluntarios os que se encargan da retirada dos niños de velutina logo de ser mobilizados polo 112, e trasladando o seu custe aos concellos.

Paloma Castro lembra que, logo da chegada da velutina a Galicia en 2011, a Xunta procedeu a “pasarse a pelota” dende a Consellería de Medio Rural, primeiro, ata Medio Ambiente, para recalar finalmente na Vicepresidencia da Xunta. O conselleiro anunciou entón un plan, o actualmente en vigor, que demostrou uns resultados e un investimento “moi lonxe do esperado”.

Os socialistas urxen á Xunta a abrir o abano de intervencións de Seaga, elaborar un protocolo de trampeo, adaptar novas técnicas de eliminación e iniciar programas de información á cidadanía. Ademais pide darlle paso a Asociación Galega de Apicultura, para que poida formar parte da Comisión Técnica -que malia estar prevista “non temos constancia de que realmente exista”- para que poidan consensuar os procedementos de actuación.

Praga

Ademais, pide que a Xunta promova a declaración da invasión da velutina como praga, “co obxecto de que poida haber axudas para os sectores afectados, principalmente a apicultura e a fruticultura, ou no seu defecto se formule a posibilidade de concederlle á Xunta de Galicia estas axudas”. A negativa do PP a explorar esta vía “pecha incomprensiblemente as portas a axudas para un sector seriamente afectado pola chegada do insecto”.

proposición non de lei

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e dos seus deputados Paloma Castro Rey, Pablo Arangüena Fernández e Martín Seco García, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa Mesa a seguinte proposición non de lei en Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior.

Exposición de motivos

A vespa velutina chega a Galicia no ano 2011, colonizando, en só 7 anos, toda a nosa comunidade. Isto fai que este animal pase de ser un insecto descoñecido a xerar unha resposta social de medo ou alarma, polo seu tamaño, e a intensidade das súas picaduras, que causaron incluso varias mortes.

Pero o máis afectado pola súa presenza, e o sector produtor de mel, xa que as velutinas son unha especie que capta as abellas e causa graves danos ás colmeas o que supón grandes perdas económicas, os apicultores estiman que este ano, a súa produción de mel estivo afectada entre o 40 e o 50 %.  A isto súmase o perigo que supón un desequilibrio no noso ecosistema, a consecuencia da desaparición da abella común.

As asociacións galegas de apicultores, denuncian descoordinación e a falta de medidas da Xunta de Galicia, no que eles consideran unha praga. Reclaman coordinación na actuación da Xunta de Galicia, xa que son varias as áreas de goberno implicadas, e esixen que se unifiquen as competencias nun único departamento. Ademais de denunciar unha campaña que consideran deficiente.

A principios deste ano, a Xunta de Galicia en coordinación coa Fegampo, iniciou un plan contra a velutina, baseado na concentración de recursos para eliminar os niños desta especie na comunidade, en todas as zonas afectadas, ao que se uniron voluntariamente  285  municipios,  o  que  representa  o  90  %  dos  municipios galegos.

No  mes  de  febreiro,  o  vicepresidente  da  Xunta  de  Galicia,  Alfonso  Rueda, anuncia o inicio do plan e manifesta que está dotado con 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de cooperación local.

A empresa semipública Seaga é a encargada de xestionar este Plan que formula dende o seu inicio máis sombras que luces.

O funcionamento do plan, segundo o que manifestan dende a Xunta de Galicia, lévase a cabo da seguinte forma: cando unha persoa detecta un niño de velutina ten que dar aviso ao 012, o teléfono de información e atención ao cidadán que son os que aplican o protocolo, que establece que salvo en caso de emerxencia (derivan ao 112 e este a súa vez a bombeiros ou apicultores voluntarios) se deriva a Seaga para que proceda a súa retirada.

O problema son as limitacións, por ser consideradas emerxencias, que establece o protocolo na intervención de Seaga, xa que segundo consta no mesmo, non se van a retirar niños a máis de 25 metros de altura, como tampouco en propiedade privada sen autorización; en sitios confinados sen visualización directa como cheminea, falsos teitos ou tellados; o en espazos pechados (cámaras de illamento o caixas de persianas), así coma aqueles con risco eléctrico (liñas eléctricas) ou situados en dominio de infraestruturas (estradas, autovías, autopistas, liñas ferroviarias, portos e aeroportos). Dentro da relación de actuacións que non proceden tamén está a retirada de niños  con imposibilidade física de acceso (peche de parcela, maleza) ou con risco de dano medioambiental (ríos, embalses e outras masas de auga), ademais de aqueles que están en instalacións de uso público (parques, igrexas, hospitais, colexios e outros edificios públicos). O plan tampouco non inclúe a cesión de trampeos aos prexudicados.

Polo tanto, na maioría das veces, son os bombeiros e os apicultores voluntarios os que se encargan da retirada dos niños de velutina, asumindo o coste os concellos, carecendo este protocolo de efectividade práctica algunha.

Por todo  o  exposto  anteriormente,  o  Grupo  Parlamentario dos  Socialistas  de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión: O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:

1. Realizar unha modificación do protocolo, con fin de que sexa Seaga, o organismo que se encargue na súa totalidade da retirada dos niños nos concellos adheridos.

2.  Consensuar  esa  modificación,  así  como  outras  medidas  a  adoptar  coa Asociación Galega de Apicultores.

3.  Declarar a situación de praga e tomar medidas ao respecto.