O Psoe de Ourense solicita a apertura dunha sala de estudo na biblioteca Nós

 O PSdeG-PSOE de Ourense solicitará no pleno do venres a apertura dunha sala de estudo e lectura na Biblioteca Nós, “fóra do horario habitual das instalacións” –incluíndo, así, as fins de semana e as vacacións de verán e Nadal- mediante a asinación dun convenio entre o Concello e a consellería de Cultura da Xunta de Galicia e no que se “manteñan as absolutas garantías de mantemento das esixencias actuais de seguridade e hixiene”.  Esta medida permitiría ofrecer un “novo espazo” aos estudantes e opositores da cidade e a “desconxestión” de espazos como a biblioteca Rosalía de Castro do Campus da Universidade de Vigo que, dende hai anos, se atopa “colapsada pola carencia de outras dotacións da cidade” e que nestes momentos é “máis necesaria que nunca” pola necesidade de espazos amplos onde se “garantan as medidas de distanciamento social”, afirman os socialistas.

Publicidade

Esta nova apertura consistiría no “acceso a un ou varios espazos da biblioteca”, exclusivamente para estudio e lectura, e non estaría contemplado o préstamo, polo que sería “suficiente coa presencia dun ou dous vixilantes de seguridade” e, no caso de apertura os domingos, “a contratación do persoal de limpeza”, remarcan dende o grupo.

Concretamente, en condicións normais, a Biblioteca Nós dispón dun total de 476 postos de lectura en mesas, distribuídos por todo o edificio e, nas condicións actuais, gardando unha distancia persoal de 2 metros, serían arredor de 250 postos distribuídos en distintas plantas,  “os que poderían abrirse en función da demanda”. 

Polo que atinxe á Biblioteca Nós, desde o Grupo Municipal Socialista destacan que xa se aprobara, a finais do pasado ano, unha moción presentada polo PSOE na que se solicitaba a “procura de alternativas para que Ourense deixara de ser a única cidade galega sen unha biblioteca pública ou sala de estudio abertas os sete días da semana” e se demandaba a “ampliación dos horarios de apertura da rede de centros cívicos da cidade e das bibliotecas municipais da Ponte, A Carballeira e San Francisco” e “nada se fixo por parte do Concello dende entón”, denuncian.

O Grupo Municipal Socialista considera “básica” a “dotación complementaria” dun espazo cultural de referencia na cidade como é o conformado polo Claustro de San Francisco a Biblioteca Nós o Auditorio Municipal, a escola de Artes Escénicas e a recente apertura do Arquivo municipal, e por elo reivindican tamén o “acondicionamento e dotación do aparcadoiro público do Auditorio Municipal e de entrada ao Claustro de San Francisco”. Ademais, de que se produza un aumento nas liñas de autobuses, con parada na zona, e reforzando as existentes. Un anuncio que xa foi realizado polo alcalde hai máis dun ano e segue “baleiro”.

Igualmente os socialistas lembran a necesidade de que se cumpla coa “dotación dun servizo de cafetería” para este espazo, que xa estaba contemplado no proxecto inicial e dunha “fonte pública” na praza. Asemade, lembran a “importancia da aprobación da denominación como Praza da República” ao espazo situado entre os citados edificios, e que segue pendente da súa oficialización por parte do Concello despois de que fose aprobado no pleno do Concello ata en tres ocasións.

Os socialistas defenden tamén a necesidade de aceso a un vivenda digna para tódolos ourensáns

Por outra banda, os socialistas impulsan unha moción para “garantir o dereito de acceso a unha vivenda digna e un parque público de aluguer” que evite a “especulación” que se produce no mercado de Ourense. A iniciativa pon en evidencia “o desleixo continuado” coas políticas públicas nesta materia e ao seu “estreito abrazo á especulación”, polo que insta á Xunta a que “impulse políticas que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna, combatendo especialmente o uso da vivenda como un ben especulativo” e non coma un dereito de todas e de todos.

“O acceso á vivenda é un dos principais problemas da mocidade e das clases medias e traballadoras”, salientan antes de concluír destacando que “só cando goberna o PSOE existe unha verdadeira política pública de vivenda” que “pon o seu foco nas necesidades das persoas e non dos especuladores”.