O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe o Concello de Boborás para comprobar os primeiros traballos do Obradoiro dual de emprego Agrupación Bolemás, promovido conxuntamente por este municipio xunto cos concellos de Leiro e Maside e financiado pola Xunta cun investimento de preto de 480.000 euros.
Durante a visita —na que tamén estiveron presentes a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e o de Maside, José Manuel Iglesias— o conselleiro destacou o valor desta iniciativa na que participan 20 persoas desempregadas que combinarán formación e emprego durante nove meses en actividades relacionadas co aproveitamento forestal e a conservación e mellora de montes, así como en especialidades de construción a prol da conservación do patrimonio. Neste sentido, puxo de relevo que este tipo de programas melloran a cualificación profesional e incrementan as oportunidades de inserción laboral das persoas participantes, ao tempo que permiten executar actuacións de utilidade pública e interese social que redundan na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Concretamente, ao longo do desenvolvemento deste obradoiro levaranse a cabo actuacións de conservación e mellora de roteiros peonís, espazos públicos e elementos do patrimonio tradicional. Entre os traballos previstos figuran a recuperación e acondicionamento de fontes e lavadoiros, a mellora da contorna de equipamentos e recursos patrimoniais e labores de mantemento forestal e limpeza de franxas, contribuíndo á posta en valor do territorio e á mellora dos servizos para a veciñanza.
José González destacou que Agrupación Bolemás exemplifica o dobre obxectivo dos obradoiros duais de emprego: ofrecer formación práctica e un traballo efectivo ás persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, dar resposta ás necesidades reais dos municipios mediante actuacións que repercuten directamente no territorio. Neste contexto, lembrou que para o período 2026-2027 a Xunta prevé apoiar arredor dun cento de obradoiros en toda Galicia, dos que se beneficiarán unhas 2.000 persoas. No caso da provincia de Ourense, están en marcha 23 obradoiros nos que se forman 460 participantes de 57 concellos e catro mancomunidades, cun investimento global de 10,5 M€.
Foco na empregabilidade
José González sinalou que a Xunta reforzou nesta edición as bases dos obradoiros duais de emprego para mellorar a empregabilidade das persoas participantes e dar resposta ás necesidades de man de obra en sectores estratéxicos, especialmente no rural. Entre as principais novidades, destacou a reserva de fondos para programas vinculados aos ámbitos agrario e de seguridade e medio ambiente, con especial atención á prevención de incendios forestais e á recuperación dos soutos de castiñeiros e das frondosas autóctonas.
Ademais, explicou que a convocatoria incorpora anticipos do 100 % para facilitar a xestión das entidades locais, duplica ata os 3.000 euros os incentivos ás empresas que contraten participantes ao remate do obradoiro e crea unha nova axuda de 1.500 euros para os concellos por cada inserción laboral. Tamén reforza a formación práctica, que pasa a representar o 65 % do programa.
















