O PSOE de Cenlle pide o arranxo de varias beirarrúas do municipio

O PSdeG-PSOE de Cenlle ven de denunciar o “lamentable estado de abandono” no que se atopan as beirarrúas no municipio, que se atopan cheas de fochancas e poñen en risco a seguridade dos veciños e das veciñas. Os socialistas denuncian que o desleixo e o abandono está a provocar que nas beirarrúas abunden os buracos, cubertas de musgo e totalmente cheas de lixo o que está a provocando un gran molestar entre a veciñanza, moita dela maiores e que teñen medo de tropezar nun buraco e caer.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o grupo de goberno municipal do Partido Popular non aposte por investimentos no Concello e que deixe abandonadas as beirarrúas, como acontece na rúa Agro, que denuncian leva anos sen renovarse. “Urxe que o goberno municipal se poña a traballar bnas beirarrúas, renovando as losetas, tapando as fochancas e limpando as mesmas de musgo e doutros elementos acumulados polo paso do tempo e o desleixo do PP”, explica o voceiro socialista José Rodríguez Veloso.

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro socialista carga tamén contra o actual alcalde, José Manuel Rodríguez, o que lle esixe “traballo” e o acusa de “estar agardando instrucións do anterior rexedor e actual delegado da Xunta, Gabriel Alén, para levar a cabo iniciativas. Veloso denuncia que o concello “está gobernado na sombra por Alén, que é o que toma as decisións ante a falta de traballo e iniciativas do alcalde actual”.

Os socialistas pídenlle ao Concello que solucione canto antes os problemas nas beirarrúas, procedendo a substitución das losetas rotas e tapar as fochancas. Consideran que esta actuación “é prioritaria” e explican que así o demandaron os veciños e veciñas de Cenlle, que “xa están fartos do desleixo, a falta de renovación do mobiliario público e de que recorten servizos como aconteceu co centro de saúde de Barbantes Estación”, finaliza Veloso.