O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén participa no Foro da Comunicación de Galicia

Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e Expourense, conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense

O delegado territorial sinalou que “nos tempos que corren de incerteza e medo ao descoñecido, é necesario que os comunicadores adoiten a perspectiva da veracidade, da prudencia e das mensaxes responsables”

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá no Foro da Comunicación de Galicia “Comunicar nos tempos de incertidume” que organizou conxuntamente o Clúster da Comunicación de Galicia e Expourense, e contou co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

Na súa introdución Alén Castro sinalou que “nos tempos que corren, de incerteza e medo ao descoñecido, é necesario que os comunicadores adoiten a perspectiva da veracidade, da prudencia e das mensaxes responsables”. O delegado territorial tamén engadiu que “cando a situación é delicada e afecta a tantas persoas, comunicar de forma rigorosa, humana e empática axuda de maneira decisiva a descartar dúbidas e bulos e xera certeza e tranquilidade”.

A través da plataforma dixital Zoom e o equipamento audiovisual de Expourense, participaron
expertos relatores que explicaron polo miúdo e dende a súa experiencia como profesionais
como a pandemia influíu no seu traballo diario. O presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e da Asociación Galega de Marketing – Markea, Xosé Luis Reza, explicou como adaptar un Plan de Marketing ao contexto COVID-19. Pola súa parte a directora da Marketing e Comunicación Dixital da Consultora Torres y Carrera, Laura Vázquez, abordou a evolución da comunicación corporativa dende o comezo da crise ata o momento actual.

Na mesa redonda final, tratáronse conceptos como a “infodemia” (termo que alude ao exceso de información sobre a pandemia) e cómo esta ten afectado ás relacións informativas entre institucións, empresas, gabinetes e medios de comunicación. Contou coa participación de Myriam Sierra e Carlos Bermello, responsables do Servizo de Comunicación da Área Sanitaria do Complexo Hospitalario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que falaron dos momentos máis duros da pandemia e como fora a súa relación cos medios de comunicación. Representando ás empresas e aos xestores de medios, participou tamén nesta mesa o director de Desenvolvemento Estratéxico en Avante Evolumedia, Álvaro Brandau, que disertou sobre como as empresas tiveron que cambiar as súas campañas para poder empatizar con clientes e usuarios. O último dos relatores desta mesa de debate foi o representante da demarcación de Ourense do Colexio de Xornalistas de Galicia, Javier Fraiz, que abordou os cambios que a pandemia conlevou para este sector a nivel laboral, pero tamén persoal.