A Xunta apoia con preto de 6,3 m€ a 182 propietarios de montes da provincia de Ourense para realizar accións silvícolas de prevención de incendios

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense acudiu hoxe a Cartelle para comprobar sobre o terreo os traballos silvícolas executados pola comunidade de montes de Nogueiró
  • O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acudiu hoxe a Cartelle para comprobar sobre o terreo os traballos silvícolas executados pola comunidade de montes de Nogueiró. Esta entidade, beneficiaria das dúas liñas de actuación, recibiu 33.754 euros para levar a cabo rozas, podas e rareos en algo máis de 17 hectáreas de superficie do monte.

O delegado territorial, despois de manter unha visita institucional co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, desprazouse a Nogueiró onde aproveitou para anunciar que a Consellería do Medio Rural vén de conceder achegas por valor de 6,3 millóns de euros a 182 propietarios de montes da provincia de Ourense para realizar accións silvícolas de prevención dos danos causados por incendios e desastres naturais, e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. En total, a medida servirá para actuar en 3.374 hectáreas de montes ourensáns. Así, o representante do Goberno galego, Gabriel Alén, manifestou “a importancia do incremento de 15 millóns de euros no borrador de orzamentos da Consellería de Medio Rural destinados a mellorar o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, e tamén para a creación do Centro integral de loita contra o lume que se emprazará na nosa provincia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dúas liñas de acción

Esta orde de achegas contempla dúas liñas de actuación. A primeira delas destínase a realizar tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. Para este tipo de traballos aprobáronse na provincia de Ourense 119 expedientes por valor de 4 millóns de euros.

A segunda liña está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se subvenciona mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros. Neste caso, contabilízanse en Ourense 63 beneficiarios que recibirán preto de 2,3 millóns de euros.

Estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), son bianuais e practicamente a totalidade da contía concedida no conxunto de Galicia (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. Deste xeito,

a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas silvícolas. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas conleva a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan o cerne dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.