A corporación do concello de Ribadavia reuniuse hoxe ás 20:00 horas para celebrar a sesión plenaria correspondente deste mes e que neste intre segue en marcha. Entre os puntos da orde do día está a solicitude de desafectación do colexio da alameda á Consellería de Educación e a aprobación inicial do plan municipal contra incendios forestais. En canto as mocións da oposición, o BNG pedía axudas para as perdas que está a vivir o sector do viño; por parte do PSOE, unha moción para arranxar e sinalizar lugares públicos e, por parte de Ribeiro en Común, a petición dunha liña de axudas para paliar as consecuencias da Covid-19.
O BNG engadiu outra moción para este pleno. A formación asegura que a debida inspección pública das residencias, que debería realizarse dende a Consellería de Política Social, non foi quen de impedir a existencia de deplorables condicións en residencias de maiores.
Recalcan que a comarca forma parte da provincia máis avellentada sen que exista unha rede pública digna, cando este debería ser un dos piares do Estado do benestar. Polo que, entre outras urxencias, instan ao Pleno municipal de Ribadavia a pedir á Xunta que blinde as residencias privadas perante a segunda onda da COVID-19 e posíbeis repuntes a través dunha intervención pública dirixida a supervisar e asesorar nas actuacións que leva a cabo o seu persoal; a que a Xunta amplie os cribados periódicos.