O grupo socialista alerta de que o “atentado patrimonial” da ampliación da estrada ao San Pedro de Rocas –Esgos- pon en perigo a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade pola Unesco

Noa Díaz lamenta o “cosmopaletismo” demostrado pola Xunta ao autorizar unha actuación que provocará a destrución de solo arqueolóxico e a tala dun cento de árbores para provocar turismo masivo que afectará negativamente á zona

Publicidade

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, alertou hoxe do “atentado patrimonial” que suporá o proxecto de ampliación da estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, no Concello de Esgos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou dun proxecto que suporá a destrución de solo arqueolóxico e a tala de un cento de árbores.

Esta actuación, que ten o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, vai contra os criterios da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e demostra que o goberno galego “só entende o turismo dende a óptica do cosmopaletismo”. Instou ao goberno galego a “darlle unha repensada” antes de executar un proxecto que provocará “danos irreversibles” no complexo arqueolóxico e natural.

Lamentou que o goberno galego e a Deputación de Ourense poñan en perigo o patrimonio cultural e natural galego co obxectivo de ampliar a estrada de acceso ao Mosteiro para permitir a circulación de autobuses de gran porte. Trátase, explicou, dunha “actuación innecesaria que afecta ao Patrimonio” co “obxectivo de provocar un turismo masivo que afectará negativamente á zona” e que polo momento puido ser paralizada pola intervención da veciñanza.

Compromiso roto

Lembrou que o propio presidente da Xunta comprometía de forma expresa, nunha visita ao mosteiro en 2017, a protección do entorno racionalizando as visitas, ata o momento en que a Deputación de Ourense presentou o seu proxecto.

Noa Díaz explica que o complexo rupestre, de 30 hectáreas, xustifica e argumenta a través da investigación científica, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade”. Esta Declaración, lembra, esixe dunha escrupulosa protección e conservación da paisaxe, do medio e do seu patrimonio, que está en perigo polo proxecto da Deputación Provincial de Ourense.

Noa Díaz Varela, Luís Manuel Álvarez Martínez e Carmen Rodríguez Dacosta, deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Pleno.

A Ribeira Sacra foi declarada Patrimonio Histórico en 1923 e é dende 2018 Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de Paisaxe Cultural; recoñecementos aos que en breve debera sumarse a declaración como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

O Programa Patrimonio da Humanidade foi constituído coa Convención para a Cooperación Internacional na Protección da Herdanza Cultural e Natural da Humanidade, adoptada pola Conferencia Xeral da UNESCO o 16 de novembro de 1972 co obxectivo de protexer, preservar e difundir lugares e eidos de singular relevancia cultural.

As singulares características morfolóxicas, artísticas, históricas, paisaxísticas e mesmo  gastronómicas  da  Ribeira  Sacra  fana  sen  dúbida  merecedora  da protección e do recoñecemento que ofrece ser declarada Patrimonio da Humanidade, que servirá para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e axudará a preservar os seus valores históricos, etnográficos e paisaxísticos.

Mais esa Declaración esixe dunha escrupulosa protección e conservación da paisaxe, do medio e do seu patrimonio, que nestes momentos periga por un proxecto da Deputación Provincial de Ourense de acondicionamento e mellora integral da estrada de acceso a San Pedro de Rocas (Esgos). O dito proxecto, que ten a única finalidade de facilitar o tránsito de autobuses de gran porte ata o mosteiro, suporá a tala de 83 árbores emprazados nas beiras da actual estrada, a afectación da Casa da Coutada e a súa contorna e a destrución de solo arqueolóxico nunha extensión aínda por calcular.

Con esta pretendida actuación demóstrase o concepto que a Deputación de Ourense gobernada polo Sr. Baltar, do Partido Popular, ten acerca do patrimonio: un ben que debe ser posto a disposición do público de maneira indiscriminada para fomentar un turismo masivo que levará finalmente á destrución do patrimonio. Sorprende isto co que o presidente da Xunta de Galicia -do mesmo partido que o Sr. Baltar- aseguraba no ano 2017, cando nunha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas afirmaba que o protexería racionalizando as súas visitas.

Pero é que ademais, tal e como denunciaban este días múltiples asociacións civís de defensa do patrimonio, entre elas Amigos da Terra ou a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, “o gran complexo rupestre de San Pedro de Rocas, que abarca polo menos 30 hectáreas, xustifica e argumenta a través da investigación científica os criterios III e IV do expediente de candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola UNESCO, demostrando as súas orixes sacras, tanto na súa vertente pagá como cristiá, remontándose cando menos ao 10.000 a. c.”.

Resulta inaudito, xa que logo, que a mesma Administración que impulsa e apoia a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pretenda perpetrar un atentado patrimonial coma este, e que o faga ademais baixo a xustificación da preservación do Patrimonio Natural. Non se preserva o patrimonio facilitando o acceso a un turismo masivo, algo sobre o que alerta a propia Unesco, senón protexéndoo e minimizando os seus posibles riscos.

É  de  agardar  que  a  Dirección  Xeral  de  Patrimonio,  á  que  lle  corresponde coordinar as actuacións en materia de patrimonio artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico en todas as súas manifestacións, se implique na paralización  deste  proxecto  realizando,  coa  maior  transparencia,  un  informe sobre esta actuación a todas luces innecesaria que afecta a un patrimonio cultural excepcional e de valor incalculable.

Por iso a deputada e o deputado que asinan preguntan:

É consciente a Xunta de Galicia de que con esta obra periga a Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade