• O BNG impulsa a creación dun banco de locais para alugueiro, consolidar espazos de co- working e editar unha guía de circuítos curtos de consumo, así como prover formación aos comerciantes e elaborar un estudo sobre o sector.
• O grupo de goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.
“Pola súa inexperiencia pagamos todos, pagou o pequeno comercio. Pola súa teimosía e non querer mirar de fronte á realidade perdemos seis meses desde xuño, cando acordamos medidas que hoxe temos que volver acordar porque o goberno non quixo cumprir o acordado. Todas esas medidas, aos comerciantes lles parecen imprescindíbeis e urxentes. E sabe o que nos preguntaron cando estivemos reunidos con eles: ‘por que se o acordo se tomou por maioría en xuño, o alcalde aínda non se molestou en aplicalo?’ Esa pregunta terá que respondela vostede, señor alcalde”, protestou Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG na corporación municipal de Celanova, que celebrou onte un pleno ordinario no que as únicas mocións que se debateron foron precisamente as dos nacionalistas, porque o PP (6 concelleiros) non presentou nin unha e o grupo do goberno limitouse a traer á sesión un trámite sobre un plan medioambiental para investir 6.000 euros, e porque a directiva da asociación de comerciantes rexistrou un escrito demandado accións que o BNG apoiou, pero que non se poden concretar en acordos plenarios que comprometan (cando menos politicamente ao alcalde) porque os comerciantes decidiron limitar o alcance da súa demanda.
De esta forma, a única moción
que se debateu e
saíu adiante foi a presentada polo BNG. As
propostas nacionalistas inclúen
a creación dun
banco de locais comerciais en desuso para sacalos ao mercado
en réxime de
alugueiro
co Concello como avalista para
moderar os prezos. O portavoz de Celanova Decide, Javier Pulido, dixo que ese banco xa existe. O BNG
descoñece a existencia de tal ferramenta municipal,
e solicitará ao
goberno municipal información precisa sobre a mesma, dado que é evidente que, de existir, nin se deu a coñecer nin ten efecto ningún. Nesta e
noutras propostas das que asegurou que xa están en marcha
(mais non foi quen de dicir cales), xustificou o alcalde a abstención do seu grupo.
O resto dos grupos apoiaron a moción ao completo, incluído o PSOE -socio do alcalde no goberno municipal-. Ademais do banco de locais para alugueiro, o texto acordado inclúe políticas municipais para consolidar espazos de co-working e editar unha guía de circuítos curtos de consumo, así como prover formación aos comerciantes e elaborar un estudo sobre o sector.
Propostas acordadas por segunda vez (agora, co apoio do PSOE)
Ademais, o goberno volve ter sobre a mesa un acordo maioritario para revitalizar as feiras dos xoves, rebaixar o IBI, suspender taxas, dotar un fondo de axudas para autónomos e empresas para compensar os gastos de adaptación dos negocios á nova situación sanitaria e crear unha oficina de orientación para empresas e autónomos que se negou a aplicar en xuño.
Son as propostas aprobadas no pleno de xuño. Malia que o PSOE non fixo nada desde o goberno local para poñelas en marcha, no pleno deste mércores votou a favor. As explicacións da voceira socialista foron confusas e non ficou claro se desta volta o grupo que sostén a Alcaldía ten vontade de cumprir co acordo.
O escrito dos comerciantes
O BNG lamenta que as propostas dos comerciantes (crear un ‘market place’, un bono de incentivo ao consumo local e un servizo de reparto) saísen do pleno sen o reforzo dunha votación que terían ganado. O BNG contemplaba as dúas primeiras medidas na redacción inicial da súa moción, mais despois da xuntanza coa directiva de Celanova CHEA o 7 de novembro, e de acordo cos representantes dos comerciantes, considerou que se as propostas eran coincidentes tería máis forza apoiar unha moción presentada polos propios comerciantes. De feito, a semana seguinte, achegou información á asociación de comerciantes sobre medidas similares en concellos gobernados polo BNG e información estatística (a pouca que hai para analizar a situación) sobre o sector terciario en Celanova.
A rúa do Cercado
O PP, o PSOE e o grupo do Alcalde votaron en contra de debater a moción presentada polo BNG sobre a necesaria reforma da rúa do Cercado onde o aumento do número de peóns incrementou os riscos pola falta de beirarrúas no tramo alto da rúa. Estes grupos coincidiron no argumento á hora de impedir o debate: dixeron que non é urxente abordar o asunto “porque o problema leva aí anos”. O PP indicou que estaba disposto a debater a cuestión pero que non entendía porque se presentaba por vía de urxencia. O portavoz nacionalista explicou as razóns que atrasaron o rexistros desta e das demais mocións do BNG ao martes 17 de novembro e que non vía impedimento, se era certa esa vontade, para tela debatido onte.
A moción sobre a residencia
O BNG decidiu non someter o pleno a moción
na que solicitaba que o Concello de Celanova concedese a axuda de 72.000 euros que pide a Residencia San Carlos -golpeada pola crise da
covid en marzo co resultado de 9 falecementos a causa do virus, e 65 persoas contaxiadas entre residentes e traballadoras, a maior crise de saúde pública na historia recente da vila- e acordase á persoa que vai representar á corporación municipal no Padroado que rexe o centro de maiores.
O BNG pretendía facer efectivo o acordo adoptado por unanimidade pola corporación en setembro, despois de que a xunta xeral do Padroado respondese a aquel convite mostrando a súa disposición a convidar a familiares de usuarias e representantes políticos a formar parte do mesmo. Mais desde o mesmo día que o Padroado, coa sinatura do seu presidente, Cesareo Iglesias, rexistrou o 11 de novembro no Concello de Celanova un escrito de conformidade co convite, o BNG apreciou dúbidas entre o resto de grupos.
En especial, entre a Alcaldía e os seus socios socialistas, que NON informaron o resto de grupos e á veciñanza da predisposición do Padroado, eludindo o seu deber tanto co PP como co BNG que apoiaron o acordo de setembro, como coas familias e os propios membros da dirección da residencia.
O BNG fixo o que estaba na súa man para dar conta da predisposición do Padroado e deu a coñecer o substancial da resposta dos xestores da Residencia. E solicitou a todos os grupos avanzar mantendo a unanimidade na dirección que marca o acordado en setembro.
Un escrito publicado o martes no Facebook da Residencia San Carlos e asinado por Cesareo Iglesias, matizaba o acordado na xunta xeral do Padroado e solicitaba máis tempo para “modificar os estatutos” aprazando a incorporación de familias e novos membros da corporación á xestión do centro.
O BNG entende que o Padroado e os seus membros necesitan tempo para aclararse, que o PP e o grupo de goberno -inexperto e incapaz de dar resposta en oito meses a ningún asunto transcendente derivado da pandemia- tamén necesitan tempo para reafirmarse nas conviccións que están na base do acordo de setembro.
O BNG ten claro que é o que o Concello pode facer pola Residencia de Celanova: axudar economicamente para que se reforce a atención e axudar na xestión a un padroado que xa en marzo pasado mostrou carencias na xestión dunha crise. Nin as maiores nin as familias nin as traballadoras teñen tempo nin a emerxencia sanitaria que estamos a padecer deixa demasiada marxe. O BNG pensa que non hai tempo que perder e por iso urxe falar disto en condicións de chegar a un acordo.
***