A Xunta investira mais de 3 millóns de euros en axudas a entidades de inclusión social

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá acompañado do alcalde, Gumersindo Lamas, o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso en Sarreraus. Despois de percorrer as instalacións, o representante do Goberno galego valorou de xeito moi positivo a recente aprobación da Xunta da “maior orde de axudas a entidades de inclusión social da historia”, que destinará 3,4 millóns de euros a 29 organizacións da provincia de Ourense.

Publicidade

Ao respecto, Gabriel Alén sinalou que este orzamento supón un incremento do 6% con respecto á última convocatoria, a de 2018-2020, e que as axudas se destinarán a financiar, durante os vindeiros dous anos, gastos de funcionamento de centros de inclusión social, así como actividades dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión.

No conxunto da comunidade destínanse 17,8 millóns de euros que se repartirán en 128 organizacións. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A última convocatoria desta liña de subvencións financiou 846 proxectos, e estímase que neste exercicio poidan facerse realidade arredor de 964 propostas.

Centros e actuacións singulares
Con esta orde de axudas, as entidades poderán cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á integración sociolaboral; iniciativas de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.

O reforzo desta liña de axudas contribuirá e axudará tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.