Gómez Reino pregunta no Congreso pola conexión diurna entre Ourense e Barcelona

O voceiro de Galicia en Común presenta unha nova iniciativa en relación ás frecuencias ferroviarias no país tras coñecerse que Renfe suprimiu a venda de billetes entre a capital das Burgas e Barcelona a partir do 13 de decembro

“A mellora e modernización das conexións vía tren son imprescindibles para que avancemos cara a unha mobilidade máis sustentable”

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, vén de preguntar na Cámara Baixa pola conexión ferroviaria entre Ourense e  Barcelona, que  a  páxina  web  de  Renfe deixa  de  ofertar a  partires do vindeiro 13 de decembro.

Renfe anunciou que os servizos dos trens Alvia 00621 e 00626 que conectan A Coruña, Compostela, Vigo e Ourense con León, Palencia, Burgos, Vitoria, Pamplona, Zaragoza, Lleida, Tarragona e Barcelona tanto en sentido ida como volta, deixarán de estar á venda de maneira temporal mentres se remodela o itinerario que viña realizando. “Por iso”, sinalou Gómez Reino, “queremos saber cales son os plans de Renfe e o Ministerio de Transportes nestas liñas, tanto se se manterán as paradas habituais como se se esperan modificacións nos traxectos que veñen operando con normalidade”.

Na iniciativa parlamentaria recóllese tamén a preocupación dalgúns usuarios da provincia de Ourense, sobre todo da zona de Valdeorras, que temen quedarse sen conexións con estes municipios. “Gustaríanos saber tamén cales van ser as paradas que ten pensado suprimir Renfe, se é o caso, así como os novos itinerarios, do mesmo xeito que se estas modificacións suporán un cambio na duración dos traxectos como do seu importe”, engadiu o deputado.

Galicia en Común leva presentadas nesta lexislatura varias iniciativas en relación ás conexións  ferroviarias  de  Galicia  con  outras  zonas  do  Estado,  como  é  o  caso  do traxecto que une Vigo con Bilbao, do Avant que enlaza a primeira hora da mañá Ourense con Compostela e A Coruña, así como os plans do Ministerio de Transportes para as infraestruturas ferroviarias.

“A mellora e a modernización das conexións vía tren son imprescindibles para que avancemos cara a unha mobilidade máis sustentable”, sinalou Gómez Reino.

.