Constituído o Comité de Seguridade da Información da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense conta desde hoxe cun Comité de Seguridade da Información, que se encargará de estudar, deseñar e implantar as medidas de seguridade necesarias nos ámbitos organizativos e de xestión, aprobando como primeira medida a política de seguridade que seguirá a institución provincial. 

Este novo órgano colexiado, que substitúe á Oficina Provincial de Protección de Datos e Seguridade creado en 2018, está presidido polo director da área de Transparencia e Goberno Aberto, Fernando Suárez, actuando como vogais o deputado de Innovación e Turismo, Jorge Pumar, o delegado de protección de datos, o responsable de sistemas e todos os directores das áreas de traballo da Deputación (Intervención, Tesourería, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Secretaría Xeral), que se reunirán cunha periodicidade mensual. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A política de seguridade aprobada esta mañá, nunha reunión celebrada por videoconferencia, establece entre outros aspectos os membros, a estrutura e responsabilidades do mencionado comité, así como as funcións que exercerá, entre elas atender as solicitudes que en materia de seguridade da información formulen a administración ou as diferentes áreas de xestión, prestar asesoramento ou promover a mellora continua do sistema de xestión nesta materia. 

Coa creación deste comité, mediante unha resolución da Presidencia, a Deputación de Ourense cumpre co establecido no Real Decreto que regula o Esquema Nacional de Seguridade, de aplicación en todas as administracións públicas