Según o Psdeg-Psoe o PP prégase ás decisións da Xunta e rexeita apoiar medidas para resolver os problemas pola instalación das marquesiñas na antiga estación de autobuses

O “microgoberno” de Jácome pecha nun caixón o plan de mobilidade sostible ao votar en contra da súa implementación un ano despois de telo aprobado por unanimidade no pleno.

O pleno municipal aproba por unanimidade a moción do grupo municipal socialista para a “redacción urxente” da nova ordenanza de terrazas e veladores na cidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os concelleiros do PP veñen de rexeitar no pleno municipal a posta en marcha de medidas urxentes para resolver a problemática xurdida pola instalación de dúas marquesiñas provisionais diante da estación de autobuses do barrio do Pino, pregándose ás decisións da Xunta e amosando, unha vez máis, “a súa incapacidade para facer valer as demandas da veciñanza por riba dos intereses do goberno autonómico”. Unhas “marquesiñas pendello” que están a espertar o malestar dos usuarios do transporte público, que teñen que agardar “á intemperie” mentres a Xunta e o Concello “miran cara a outro lado”, como explicou a concelleira Natalia González.

Malia a negativa do grupo popular, o pleno aprobou a iniciativa socialista cos votos a favor de BNG, Ciudadanos e os concelleiros do “microgoberno”, na que ademais se insta ao Concello a levar adiante as actuacións precisas para resolver o conflito urbanístico existente na parcela da antiga estación de autobuses tras o “derribo exprés” do edificio da actual estación sen estar rematado o novo. Neste sentido, González recordoulle a Jácome que, logo de que a Fundación Amancio Ortega expresase a súa vontade de levantar unha residencia de maiores nesta finca, “seguimos agardando pola resposta sobre a cesión do terreo, que só se pode destinar a estacións de autobuses”, xa que así figura “expresamente” no contrato de cesión asinado no ano 1985. A socialista rematou a súa intervención pedindo a actuación do goberno local para evitar que os veciños do Pino “se atopen o día de mañá cun solar cedido, outro baleiro, e sen residencia de maiores”.

Desleixo do goberno co PMUS

A corporación do Concello aprobou a proposta do grupo municipal socialista para a constitución e posta en marcha urxente da Comisión de Seguimento do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, cos votos en contra dos concelleiros de Democracia Ourensana e do concelleiro de mobilidade, Telmo Ucha. O concelleiro socialista Wilson Jones defendeu a apremante necesidade de activar o plan un ano despois da súa aprobación por unanimidade no pleno municipal, e cuxa “nula” execución por parte do goberno municipal pon de manifesto a incapacidade do alcalde de desenvolver un plan de mobilidade “coherente e integrado na súa contorna”, no canto de “encher Ourense de escaleiras mecánicas”.

Unha vez máis, o grupo socialista manifesta o seu convencemento e aposta inequívoca pola implantación dun novo modelo de mobilidade para a cidade de Ourense, que debe ser froito dun acordo de consenso no que resulta fundamental a valentía política para a mudanza da conciencia cidadá.

Unanimidade sobre a nova ordenanza de veladores

O grupo socialista requiriu a redacción dunha nova ordenanza de veladores no Concello, aprobada co consenso de todos os grupos, para a “mellora da convivencia na cidade”, ante a “parálise” na tramitación desta iniciativa, que ademais afecta a outros asuntos de saúde pública e benestar como son a regulación dos ruídos e a erradicación do botellón en Ourense.

Juana Ageitos denunciou ante o pleno que non exista unha comisión nin mesa de traballo para a redacción da futura ordenanza, así como a “falta de compromiso e vontade política” dos concelleiros do actual goberno. A edil recordou que a ordenanza de veladores actualmente vixente é do ano 1997, e subliñou que se trata dunha “normativa totalmente obsoleta”, un dos motivos clave do “descontrol existente” na actualidade, segundo explicou a socialista.

Neste sentido, Ageitos pediu que o alcalde non faga “demagoxia” anunciando unha ordenanza non consensuada e que non ten en conta a situación de zonas especialmente sensibles como o casco vello da cidade, e apelou á “sensatez” dos grupos para traballar unidos en beneficio do sector hostaleiro e do ocio da veciñanza.