O BNG chama á veciñanza a apostar polo comercio local e polos produtos galegos, ao tempo que demanda maior apoio institucional ao sector

Os nacionalistas piden comprar produto galego e no comercio local para axudar á reactivación económica e social. Destacan a capacidade do sector para xerar emprego e dinamizar as vilas e cidades

Publicidade

AUDIOS: Premer nas Imaxes

Maria G Albert

Luis Seara

Bernardo Varela

“Mellor local, mellor galego” este é o lema co que o BNG arrinca a campaña de apoio ao comercio local e aos produtos galegos e de proximidade. O concelleiro Luis Seara, a deputada María G. Albert e o deputado provincial Bernardo Varela, deron conta esta mañá en rolda de prensa dos motivos que impulsan ao BNG a levar adiante esta iniciativa, ao tempo que piden a implicación de toda a veciñanza na mesma.

O primeiro en expor os motivos da campaña foi o concelleiro no Concello de Ourense Luis Seara, quen comezou afirmando que “a situación do comercio en Ourense é alarmante, máis por desgraza esta non é unha situación nova xa que o que fai a pandemia é acelerar un proceso de degradación dun sector moi importante para a economía de Ourense.”

Seara trasladou un dato certamente revelador como é o feito de que en 2018 pechasen en Ourense provincia 170 establecementos de pequeno comercio, e dicir, “1 cada dous días, polo que seguindo a tendencia, en 10 anos perderase o 20 %”.

Para o Portavoz nacionalista no concello, outro dato revelador e que deixa claramente á vista a pouca importancia que tanto o actual goboerno local como o anterior lle da ao comercio, é o feito de que “pasaran entre o anterior e o actual mandato ate cinco concelleiros distintos pola mesma área”.

Luis Seara tamén fixo fincapé na importancia que ten o pequeno comercio no concello, argumento baseado en dous aspectos fundamentais, por un lado porque axudan a humanizar as rúas e por outro porque son xeradores de emprego de calidade. Por estes motivos, Seara afirma que “hai que pedirlle á administración que sexa proactiva e que faga cousas tanto a nivel local pero tamén a nivel galego e estatal”.

A este respeito, o portavoz do BNG no concello amosouse satisfeito de que no pasado pleno, a práctica totalidade da corporación, a excepción de DO, aprobasen a iniciativa nacionalista a prol de crear unha mesa para a recuperación económica e social de Ourense na que estén presentes todos os sectores da sociedade implicados.

Pola súa banda o deputado provincial, Bernardo Varela amosou a súa satisfacción polo feito de que a campaña posta en marcha polo BNG pretenda “manter espazos vivos, xa que desde logo se o gran reto desta provincia e de Galiza en xeral é a demografía, ese reto non vai poder ser conquerido sen o apoio a estes sectores que son básicos”.

Incidiu Varela en que “estamos diante dun sector, o do pequeno comercio que constitúe o 13% do emprego en Galiza e representa o 14% do PIB galego, o que da unha idea do que significan para os procesos produtivos do país”.

Segundo Bernardo Varela, “as rúas valeiras e o escaparates apagados amosan vilas tristes, polo que nós queremos revertir esta situación, mudala ou cando menos minorala”. Por todo elo, Varela comentou que para o vindeiro pleno da Deputación, o BNG levará a debate unha serie de acordos que “van máis alá das axudas que as diferentes administracións están actualmente outorgando”.

Falamos de medidas a medio e longo prazo que garantan a supervivencia e sostibilidade do tecido produtivo. Falamos, segundo Varela da “elaboración dun censo de produtores locais da provincia que permita fomentar o coñecemento e darlle así difusión entre a veciñanza e os comercios locais, o que favorecerá a xerar xinerxias entre eles, fomentando o tecido provincial e local”.

Por outra banda, indicou que outro dos aspectos a ter moi en conta polas administracións ten que ver coa venda online, venda que “favorece as grandes empresas, as cales contan ademáis con importantes incentivos fiscais polo que é preciso apoiar e dinamizar aos chamados produtores km 0, xa que son estes os que enriquecen o noso territorio, son os nosos gandeiros e labregos os que manteñen o rural vivo e fano non soamente desde o punto de vista produtivo senón tamén como xeradores de riqueza turística e social”.

A deputada por Ourense no Parlamento galego María G. Albert quixo comezar pondo en valor o traballo que o BNG leva feito desde hai moitos anos a prol do comercio de proximidade e dos produtos galegos ao entender que “son unha das principais fontes de riqueza das vilas e cidades do noso país”. Albert fixo fincapé en que como consecuencia da crise derivada da pandemia, o comercio local está a ser especialmente vulnerábeis con “peches continuos que en moitos casos pasan de temporais a definitivos”.

Para a deputada María Albert “o comercio de proximidade e comercio local son peza chave para evitar a desertización das nosas vilas xa que dan vida e sobre todo xeran riqueza”. Desde o BNG entenden que “un país que non ten capacidade para autoabastecerse ten un problema, e Galiza neste momento ten demostrado máis que sobrada capacidade para o autoabastecemento”.

Albert puxo en valor as grandes capacidades e riquezas no sector da horta, da carne, do vitivinícola, do pesqueiro, etc, apelando á necesidade de “revalorizalo, para o cal é preciso mudar o mercado do comercio do país xa que tal e como está deseñado actualmente e fomentado desde a propia Xunta de Galiza, os produtores galegos e o autoabastecemento teñen pouca cabida ao estar boa parte do nosos consumo vehiculado cara as grandes superficies”.

María Albert tamén custionou unha das primeiras medidas adoptadas pola Xunta co estourido da pandemia como foi o de fechar feiras e mercados locais cando a ollos do BNG “falamos de mercados e feiras ao aire libre e moi ben regulados polo que as posibilidades de contaxio son moito menores que en lugares pechados”.

Mercados e feiras que “fomentan a interación local e xeran riqueza”. No referido as grandes superficies, María Albert deixou claro que a súa expansión por Galiza chegou ao seu cupo, existindo de feito na actualidade dúas delas, concretamente, na Coruña que ao pouco de aperturar se viron abocadas ao peche.

“É preciso apostar polo produto galego e polo comercio local e de proximidade, é preciso apostar e fomentar o etiquetado en galego, o que contribúe a darlle maior valor engadido aos produtos”.

Por todas estas razóns desde o BNG lanzan a campaña de apoio ao comercio local e de proximidade polo que a partires da vindeira semana manterán encontros con pequenos comerciantes ao tempo que distribuirán cartelería para incentivar ao consumo nestes establecementos.

Luces de nadal e sentencia sobre DO.

Preguntado polos medios ao remate da rolda de prensa, o portavoz do BNG no Concello de Ourense afirmou que o que está acontecendo coas luces de nadal demostra unha vez máis a incapacidade do actual goberno local e evidencia claramente que a terceira cidade do país non se pode gobernar con tres concelleiros no grupo de goberno.

Preguntado pola recente sentencia que restitúe aos concelleiros díscolos como membros de DO, Seara afrmou que respectan as sentenzas xudiciais como non pode ser doutro xeito e apelou unha vez máis ao PP, responsábel directo da actual situación a que desbloquee a situación e asine a moción de censura, permitindo gobernar á lista máis votada.