O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén clausura o obradoido de emprego “Río Arnoia” en Cartelle

  • A Consellería de Emprego e Igualdade investiu arredor de 474.000 euros na formación de 20 alumnos
  • O delegado territorial reivindicou o valor dos obradoiros de emprego tanto para as entidades locais promotoras, “por canto levan a cabo proxectos que redundan en beneficio da zona na que se desenvolven” como “para os directamente beneficiados: as persoas sen emprego
  • O delegado territorial da Xunta, anunciou unha segunda fase para o obradoiro Río Arnoia, no que a Consellería de Emprego e Igualdade destinou unha partida orzamentaria de case  que 350.000 euros para o vindeiro ano

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego Río Arnoia no concello de Cartelle, co acto de entrega de diplomas aos 20 alumnos que participaron no proxecto, no que a  Consellería de Emprego e Igualdade investiu arredor de 474.000 euros.

O delegado territorial reivindicou o valor dos obradoiros de emprego tanto para as entidades locais promotoras, “por canto levan a cabo proxectos que redundan en beneficio da zona na que se desenvolven” como “para os directamente beneficiados: as persoas sen emprego”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, destacou que non só proporcionan aos participantes traballo e un salario durante o período de duración da actividade, senón que ofrecen “unha formación teórica e práctica que lles permitirá reorientar a súa carreira profesional cara a actividades que acreditan unha notable demanda no mercado de traballo”.

Gabriel Alén indicou que outras das vantaxes dos obradoiros son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta, anunciou unha segunda fase para o obradoiro Río Arnoia, no que a Consellería de Emprego e Igualdade destinou unha partida orzamentaria de case  que 350.000 euros para o vindeiro ano.

Promovido polo concello da Merca, no obradoiro de emprego Río Arnoia participaron os municipios de Cartelle e Ramirás, contemplando dous módulos de actuación: 14 alumnos desenvolveron actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e os 6 restantes levaron a cabo operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas.

Deste xeito, no concello da Merca executaron entre outras, obras de rehabilitación de parque infantil en  Froxás de Montes, o arranxo de fontes lavadoiro en  Olás ou a recuperación de fontes e poza de regadío en Cobas. No concello de Cartelle, acondicionaron a contorna do velorio e parque infantil en o Prado, e tamén recuperaron a fonte e poza de  regadío en  Doniz. No concello de Ramirás  rehabilitaron o local veciñal en A Corredoira.

No acto de clausura, no que participaron tamén os alcaldes da Merca José Manuel Garrido, de Cartelle, Jaime Sousa, e a alcaldesa de Ramirás, Isabel  Gil,  o delegado aplaudiu o esforzo

realizado polo persoal e os alumnos do obradoiro, e invitou a estes a “sacar partido aos novos coñecementos teórico – práctico adquiridos no mundo laboral que os agarda”.

Na provincia de Ourense desenvolvéronse 14 obradoiros de emprego dirixidos a maiores de 18 anos nos que se agrupan 52 concellos e que benefician a un total de 276 persoas desempregadas, entre alumnos e alumnas e persoal directivo, docente e administrativo. A Consellería de Emprego e Igualdade destinou o pasado ano a estes programas da provincia preto de 6,5 millóns de euros.

Gabriel Alén subliñou que a Consellería destina este ano un total de 21,3  millóns de euros aos obradoiros de emprego de toda Galicia. “Este esforzo enmárcase na aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral” dixo o delegado territorial.