Nota de Espazo Común: “novo desastre do goberno local: o Carballiño quedará este ano sen obradoiros nin plan integrado de emprego”

Coas cifras de paro en vertixinoso aumento e a tremenda crise que padece o pobo, faise gravísima a perda destas dúas iniciativas por valor duns 600.000 € para o apoio aos desempregados.

Publicidade

Foi o propio alcalde Fumega o que confirmou as peores sospeitas ante a pregunta directa do noso voceiro Adolfo Nogueira  no pasado pleno. O Carballiño non contará para o curso 2020/2021 nin con Obradoiro nin con Plan Integrado de Emprego.

A falla de transparencia e responsabilidade do rexedor por ocultar feitos desta gravidade aos cidadáns, non deixa de sorprender a propios e estranos. Tristemente esta actitude xa é tónica habitual.

A  pesares das tentativas de restarlle importancia ou agachar o que isto supón, é imposible agachar baixo a alfombra un problema desta magnitude e que xera un irreparable perxuizo para a veciñanza.

No contexto da peor crise económica que se lembra e cos datos do paro en alarmante ascenso, que o noso Concello perda arredor de 600.000 € en fondos para a promoción do emprego e a formación dos cidadáns para facilitar a súa inserción no mercado laboral é dunha gravidade incalculable.

Será o segundo ano consecutivo sen obradoiro despois de que o ano pasado, a pesares dos burdos intentos de Fumega de enganar aos cidadáns, quedou demostrado sen atisbo de dúbida que se perdeu pola nefasta xestión da solicitude remitida á Xunta, ignorando sinxelos requerimentos e deixando pasar prazos.

Será, tristemente, tamén o primeiro ano sen PIE (Plan Integrado de Emprego) ou Carbaemprega como  se denomina no Carballiño dende 2016 en que se fixo por primeira vez, continuando con gran éxito nos anos 2017, 2018 e 2019 e polos que pasaron uns 450 alumnos, moitos deles acadando traballos grazas á súa participación nesta iniciativa.

Espazo Común non vai chegar aínda, ata saber o acontecido, ao punto de pedir a dimisión do concelleiro encargado desta materia, señor Dacal, como sí fan os seus compañeiros do PSOE da Estrada, quenes por uns feitos exactamente iguais exixen a renuncia do edil responsable de emprego.

Iso sí, evidentemente, imos demandar acceso urxente a tódolos expedientes destas solicitudes para tentar determinar as causas desta circunstancia catastrófica para O Carballiño.

Agardemos non ter que chegar aos extremos do pasado ano, onde ante as manipulacións de Fumega e as dificultades para obter documentación que debería ser pública, chegouse ao punto de ter que unirnos toda a oposición para convocar un pleno extraordinario, onde, por certo, o rexedor afirmou con rotundidade que xa tiña acordado coa Xunta a concesión dun ou dous obradoiros para este ano.

Unha mentira máis. Un día máis na oficina.