O Psdeg-Psoe fai un chamamento á moción de censura ante a “esperpéntica” situación do “microgoberno” de Jácome despois da reintegración cautelar dos tránsfugas de DO

O voceiro, Rafa Villarino, alerta da situación de “morte clínica” de Ourense, “agravada por unha pandemia e unha praga política” e invita a rematar cun “sainete bufo de nula utilidade social”

Os socialistas piden a mobilización social da veciñanza,  hostaleiros, pequenos comerciantes, asociacións e sindicatos para pasar “do esperpento á moción de censura en Ourense, xa!”

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIOS Premer nas Imaxes

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, vén de facer un novo chamamento á moción de censura para rematar coa “esperpéntica” situación do “microgoberno” de Jácome, logo de que a xustiza decidira reintegrar cautelarmente os tránsfugas de Democracia Ourensana de volta no partido. Villarino pediu pasar “do esperpento á moción de censura en Ourense, xa!”, nun ano no que ademais se celebra o centenario da creación do estilo literario de Valle Inclán.

Villarino lamentou que “Ourense semella condenada a que se perpetúe o goberno máis estrafalario da súa historia” e falou da anulación cautelar da expulsión dos díscolos de Democracia Ourensana como “o penúltimo episodio dun disparate en bucle”. A este respecto, o voceiro socialista sinalou que Miguel Caride retornará como voceiro de DO no Concello, e engadiu que “pode selo na Deputación, e ata solicitar asesores e pór a Gonzalo Jácome, Armando Ojea e Telmo Ucha como figuras decorativas”, situación que cualificou de “sainete bufo de nula utilidade social”.

Chamamento á mobilización

O voceiro do grupo socialista alertou da situación de “morte clínica” de Ourense e pediu que a cidadanía se mobilice para “construír o futuro que merece esta cidade”. Deste xeito, fixo un chamamento á veciñanza -particularmente a aqueles que están a padecer os efectos da pandemia ou que se atopan en situación de exclusión social-, do comercio, da hostalaría, dos pequenos empresarios e de todas as forzas produtivas que “claman por unha saída deste abandono”. Ademais, pediu que se unan a esta mobilización as ONG, sindicatos e entidades do terceiro sector que queiran ter voz, así como os medios de comunicación e asociacións sectoriais e veciñais da sociedade ourensá que están “fartas da parálise do Goberno municipal”.

Neste sentido, Villarino solicitou a colaboración de todos para “construír o futuro que merece a cidade”, e subliñou que “Ourense existe, e merece respecto”, ao tempo que reiterou a súa vontade de cambio e asegurou que o PSdeG-PSOE non vai ser “obstáculo” para cambiar o goberno da cidade. Así, o voceiro socialista fixo alusión á responsabilidade dos populares con Ourense:  “o PP puxo no poder a Jácome no poder, manteno no poder e non está dando pasos para quitalo do poder”.