Emilio González destaca a labor do persoal da Administración Xeral do Estado na provincia de Ourense durante a pandemia

IES CHAMOSO LAMAS

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu esta mañá a reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado do Goberno na que se fixo un balance xeral das actuacións levadas a cabo polas distintas unidades da Administración Xeral do Estado (AXE) na provincia, poñendo tamén de manifesto as principais necesidades detectadas en cada unha delas. Para dar cumprimento aos aforos marcados polas medidas derivadas da COVID-19 a Comisión de Asistencia levouse a cabo en dúas xornadas.
Emilio González salientou a intensa labor realizada polas distintas unidades da AXE dende a declaración do estado de alarma para garantir os dereitos dos cidadáns e a prestación dos servizos públicos, tanto a través da modalidade de teletraballo como presencialmente. O subdelegado quixo transmitirlle a todo o persoal da Administración Xeral do Estado “o meu agradecemento e recoñecemento polo traballo excepcional levado a cabo dende o mes de marzo, nalgúns casos incluso con xornadas maratonianas”.
SERVIZO PÚBLICO DE EMPREGO ESTATAL DE OURENSE
Dende o SEPE destacouse que o número de expedientes tramitados dende xaneiro ata outubro de 2020 foi de 101.630, o que supuxo un incremento do 215,27% con respecto ao mesmo período do ano 2019.
Do número total de expedientes tramitados, 64.098 correspondéronse con expedientes de ERTEs, o que implicou un incremento neste tipo de expedientes do 429% con respecto ao mesmo período do ano anterior.
A nómina de prestacións do período xaneiro a outubro de 2020 situouse na provincia de Ourense nos 107,9 millóns de euros. Comparada coa nómina do mesmo período de 2019 supón un incremento do 88%.
SEGURIDADE CIDADÁ
En canto á seguridade cidadá, segundo datos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a provincia de Ourense mantense como unha provincia segura na que a taxa de criminalidade acumula un descenso de 2,1 puntos ata as 24,5 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.
Entre os meses de xaneiro e setembro de 2020 a provincia rexistrou 5.425 infraccións penais coñecidas, un dato inferior ás 6.076 do mesmo período do ano 2019, o que supón un descenso do 10,7%.
XEFATURA PROVINCIAL DA DXT
No tocante aos datos aportados pola Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) constátanse no ano 2020 un total de 11 falecidos (9 en estrada e 2 urbanos) e 60 feridos graves, cifra esta última que diminúe con respecto ao ano 2019 (86 feridos graves). Ademais, na provincia rexistráronse un total de 1.248 colisións con animais, das que 829 foron con xabarís e 297 con corzos.
No ano 2020 na provincia de Ourense non se detectaron puntos negros nin tramos de concentración de accidentes.
Así mesmo, obsérvase un descenso no número de matriculacións durante este ano. En 2020 matriculáronse un total de 3.825 vehículos, cifra sensiblemente inferior aos 5.593 matriculados en todo o ano 2019.
Dende a Xefatura Provincial da DXT sublíñase o apartado de actividades de educación vial impartidas nos diferentes IES da cidade, destacando o Módulo de alcohol e drogas orientado a alumnado que cursa 4º da ESO e impartido por persoal da propia Xefatura Provincial e do Subsector de Tráfico da Garda Civil. Das 12 sesións pechadas para o curso 2019/2020 puidéronse levar a cabo 10 antes do estado de alarma decretado no mes de marzo.
CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO-SIL


A Confederación Hidrográfica Miño-Sil informou do proxecto de presuposto para o próximo ano 2021, cifrado en 37 millóns de euros, e detallou os principais contratos de servizos e encargos adxudicados ao longo do exercicio 2020 por un valor superior aos 4,8 millóns de euros, entre os que se inclúen o servizo de conservación e restauración de leitos, así como a mellora da capacidade hidráulica e conservación do dominio público hidráulico da Demarcación nas provincias de Ourense, Pontevedra e Zamora; e a asistencia técnica para a adaptación do proxecto de mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas.
Tamén a CH Miño-Sil adxudicou no 2020 contratos de obra na provincia de Ourense por un importe total de 754.545 euros, entre os que destacan o acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños (A Veiga); así como o proxecto construtivo de Ciclovía de Os Baños de Riocaldo a Vilameá e a pasarela en Os Baños de Riocaldo (Lobios), ambos dentro do Proxecto Raia Termal.
Así mesmo, subscribíronse convenios de colaboración cos concellos de Maside, O Barco de Valdeorras, Entrimo, O Carballiño, Amoeiro, Barbadás, Lobios e Vilamarín para a execución de determinadas actuacións nas que a CH Miño-Sil aporta entre o 70-80% do presuposto.
UNIDADE DE ESTRADAS DO ESTADO NA PROVINCIA
Dende a Unidade de Estradas do Estado na provincia destacouse a finalización en xullo dos traballos de estabilización do noiro da marxe esquerda no P.K. 563 da N-120, tralos desprendementos producidos en novembro de 2019. O importe das obras ascendeu aos 2,5 millóns de euros.
Igualmente se fixo fincapé na actuación de mellora da seguridade vial levada a cabo na N-120, no tramo comprendido entre a cidade de Ourense e Os Peares, consistente no repintado da estrada e na execución no eixe central dunha dobre liña continua con resaltos sonoros.
Tamén se detallou que o proxecto do paso inferior de Ribela (Coles) se atopa sometido ao proceso de información pública e que se continúa avanzando nos proxectos de seguridade vial relativos aos carrís adicionais na N-120 entre Ourense e Os Peares e á mellora de intersección da N-120 en Vilamartín de Valdeorras.
INE
Tamén se destacou o traballo levado a cabo polo Instituto Nacional de Estatística neste ano debido á convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia. Cabe salientar o número de solicitudes de voto por correo que se tramitaron nesta unidade para a convocatoria de xullo: 11.660 solicitudes do Censo Electoral de Españois Residentes en Ourense (CER) e 3.018 do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). Así mesmo, vinte concellos solicitaron cambios de local electoral trala publicación inicial dos mesmos no BOP, para poder realizar a votación do 12 de xullo con todas as garantías sanitarias.
As cifras oficiais de poboación na provincia de Ourense referidas a 1 de xaneiro de 2020 seguen a tendencia similar a anos anteriores, cun total superior aos 306.500 habitantes, o que supón un descenso de 1.000 habitantes nun ano. A capital da provincia ten máis de 105.500 habitantes, cun incremento de máis de 400 habitantes durante o ano 2019.

HIPER MASIDE