Medio Ambiente investirá 95.000 euros na obra de rexeneración do conxunto de Santa María do Campo, no concello do Irixo

As actuacións previstas, cun prazo de execución de cinco meses, pretenden rexenerar o espazo público delimitado pola igrexa e o cemiterio, respectando a súa esencia e contribuíndo a manter o seu valor como espazo público de uso común

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou o mes pasado por un importe de 95.052,76 euros, IVE incluído, o contrato de rexeneración do conxunto de Santa María do Campo, no concello ourensán do Irixo. As obras sobre o terreo, das que se encargará a empresa Vipeca, Obras y Servicios, SL., empezarán en xaneiro e terán unha duración de aproximadamente cinco meses, segundo o prazo de execución que consta no contrato.

AVANTAR ACTIVIDADES

Todas as actuacións previstas teñen o obxectivo común de rexenerar o espazo público así como os bens que se asentan no mesmo, respectando as características e a esencia do lugar e o seu carácter eminentemente rural.

Partindo desta premisa, os tres obxectivos da solución proposta pasan por primar a continuidade do espazo público, conservar e manter os principais elementos que o compoñen, tales como o cruceiro, a antiga escola unitaria ou a carballeira central, e mellorar a infraestrutura pública para a dotación dos servizos esenciais.

Así, rexenerarase o espazo central da carballeira, recuperando e saneando o arborado e redirixindo a circulación peonil e impedindo a circulación de vehículos polo seu interior. Ademais, substituiranse aqueles exemplares de especies foráneas por carballos de gran porte e outros novos que lle devolvan fortaleza ao conxunto.

Ademais, xunto á antiga unitaria, que actualmente se utiliza como tanatorio, crearase un espazo aberto cuberto que permita a xuntanza de xente, unha peza de volume e dimensións acordes ás do edificio adxacente.

En canto ás instalacións relacionadas cos servizos, como o alumeado público, o tendido telefónico ou as liñas de baixa tensión serán conducidas de forma subterránea para minimizar a súa presenza e o impacto na contorna. A iluminación urbana, así mesmo, resolverase empregando dúas pequenas luminarias de parede pero que ofrezan luz suficiente.

Santa María do Campo é un punto de encontro para a veciñanza e un dos lugares nos que se materializan parte dos acontecementos máis relevantes da vida en común do Irixo, como as celebracións festivas, procesións e romarías.