O Psdeg-Psoe de Pereiro pídelle o concello que se comprometa a mellora da calidade das augas do río Loña no encoro de Cachamuiña

Os socialistas trasládalle o grupo de goberno municipal que realice as xestións pertinentes co Concello de Ourense para o mantemento do nivel máximo ordinario do encoro durante todo o ano.1

O voceiro do PSdeG en Pereiro, Jorge Gutiérrez subliña que a situación no encoro “causa problemas sanitarios e ambientais e produce un desequilibrio na estrutura trófica do ecosistema”

AVANTAR ACTIVIDADES

Pereiro de Aguiar, 13 de decembro de 2020. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que propón a mellora da calidade das augas do Río Loña no encoro de Cachamuiña. Os socialistas esíxenlle o grupo de goberno municipal que se comprometan a realizar as xestións e os convenios necesarios co Concello de Ourense para o mantemento do nivel máximo ordinario do encoro de Cachamuiña durante todo o ano, e en especial dende o mes de xuño ata outubro, así como, outras actuacións que se consideren oportunas para mellorar a calidade das augas e evitar que se baleire.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que todos os anos, especialmente na época estival, a auga do encoro presenta “problemas de eutrofización, agudizados nos últimos anos debido ao incremento augas arriba, das verteduras no río Loña, en particular, de augas residuais domésticas procedentes de novos desenvolvementos urbanísticos na zona, e polo baleirado do encoro”. Esta situación provoca unha achega de cantidades excesivas de nutrientes ao encoro, que xunto coas altas temperaturas, a saturación do osíxeno e o escaso volume de auga embalsado na devandita época, produce un crecemento excesivo do fitoplacton, principalmente cianobacterias.

Estas cianobacterias poden producir acumulacións masivas de biomasa, distribuída na superficie de auga o que tal e como apunta o voceiro socialista en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, “causa problemas ambientais e incluso sanitarios, ao producirse un desequilibrio na estrutura trófica do ecosistema, efectos toxicolóxicos en función da ruta de exposición, problemas de olores que afecta a os habitantes das poboacións próximas, e ás actividades recreativas e ocio nas inmediacións do encoro”.

Gutiérrez avoga por mellorar a calidade das augas, xa que segundo apunta “levaría consigo claramente unha mellora da calidade ecolóxica, ambiental e paisaxística do ecosistema fluvial do encoro”. Os socialistas trasladan varias medidas para mellorar a situación, entre as que se encontran o mantemento do nivel máximo do encoro durante todo ano, medidas de conservación e recuperación do bosque da ribeira, a mellora dos procesos de depuración da auga nas depuradores existentes augas arriba ou reducir a carga contaminante vertida ao río Loña.

Os socialistas lembran que xa no ano 2008 inverteuse no proxecto de creación e recuperación ambiental do ámbito do encoro de Cachamuiña, 1,80 millóns de euros, pola administración central a través da Confederación Hidrográfica sufragou o 70%, e o 30% restante a Deputación de Ourense, co obxectivo de conseguir mellorar as augas e as marxes do encoro Cachamuiña, na cal se desenvolveron actuacións que favorecesen o uso público dos espazos, mediante a construción dun paseo e pasarelas, ampliando os terreos do parque fluvial, ao tempo que se executaron obras puntuais para manter determinadas zonas, o nivel de auga nas épocas de estiaxe e a recuperación ambiental de todo o ámbito.

Así mesmo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, investiu 1,5 millón de euros no ano 2015, en mellorar a calidade da auga do río  Loña, mediante a mellora da depuradora municipal de Monterrei e o saneamento do municipio.

Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar apostan a que “resolver estes problemas traerá consigo unha mellora na contorna e medioambiente de Cachamuiña”. “Nos últimos anos aumentou notoriamente o interese polas actividades ocio e deportivas desenvolvidas no encoro debido o aumento de tempo libre e o desexo de ocupalo en contacto coa natureza”, sinala Jorge Gutiérrez, que tamén apunta que “por elo requírese un desenvolvemento de xeito sostible, das actividades relacionadas co lecer, o turismo, a cultura, e a práctica deportiva en ámbitos naturais, como é o caso do parque fluvial do encoro de Cachamuiña”.