Trala celebración dos 50 anos da Revolución dos Caraveis, a xornalista estradense Tereixa
Constenla segue debullando os episodios que deviron na democratización de Portugal,
plasmados no ensaio “Abril é un país”, publicado na colección Ágora K de KALANDRAKA. Trátase dun traballo minucioso que, combinando a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas daquel fito, achega as lectoras e os lectores aos “heroísmos descoñecidos” dun acontecemento no que o mundo enteiro puxo a súa mirada.
“Abril é un país”, finalista dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de ensaio, é unha análise indispensable do pasado de Portugal que repasa as claves duns acontecementos que lograron derrocar un réxime opresor. O espazo OzocoGz (rúa Curros Enríquez, 29) do Carballiño acollerá un encontro coa autora o vindeiro luns, 21 de abril, a partir das 19,30 horas. Tereixa Constenla conversará co tamén xornalista Carlos Risco sobre este episodio tan relevante na historia do país veciño.
O 25 de abril de 1974 a Revolución dos Caraveis rematou de forma incruenta cun réxime
ditatorial que durante case 50 anos, baixo as ordes de António de Oliveira Salazar e de Marcelo
Caetano, someteu o pobo portugués. O levantamento militar, liderado esencialmente polos
mandos intermedios, non só veu determinado polo esgotamento da ditadura salazarista no país, senón tamén por unha política colonial minada tras décadas de abusos e golpeada polas guerras de independencia.
Correspondente do xornal El País en Lisboa dende xullo de 2021, Tereixa Constenla foi xefa da
sección de Cultura do mesmo diario e redactora de Babelia. Antes de dedicarse ao xornalismo
cultural, traballou como reporteira de temas sociais en Andalucía, tanto en El País como en Ideal. Algúns dos seus artigos recibiron galardóns como o Premio Unicaja de Artículos Periodísticos (2013). Trala publicación de “Cuaderno de urgencias” en 2021, “Abril é un país” é a súa segunda obra, que foi traducida ao portugués, tamén no catálogo de KALANDRAKA.