O BNG lanza unha campaña na que convidan a mercar no comercio de proximidade

A concelleira Sofía García e o deputado no Pazo do Hórreo, Iago Tabarés, deron conta esta mañá en rolda de prensa dos motivos que impulsan ao BNG a levar adiante esta iniciativa. Con esta campaña queren contribuír a paliar o peche de tendas e a destrución de postos de traballo como consecuencia da crise económica xerada pola COVID-19. Un dos obxectivos da campaña é destacar a potencialidade e calidade dos produtos galegos como motor para a dinamización do pequeno comercio.

Outro dos aspectos fundamentais é o feito de que o comercio local e de proximidade é xerador de postos de traballo e polo tanto de dinamización social e económica nas nosas cidades e vilas. Sofía incidía en que coa campaña presentada, o BNG “quere aportar o seu grao de area para dinamizar a nosa vila e potenciar os produtos que xeran riqueza no noso país”. “animamos a veciñanza a aproveitar estas datas para implicarse co noso comercio, coas nosas feiras e cos nosos produtos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tabarés quixo afondar no feito de que “non todo é imputable á pandemia, posto que xa antes da mesma, o comercio local atopábase nunha situación moi difícil”. Para Iago Tabarés temos que ter en conta a importancia que o comercio local ten en Galiza ao supor o 14% do PIB e o 13% do emprego”. Tanto económica como socialmente é un sector “moi importante”.

De entre as medidas que hai que adoptar urxentemente, Iago Tabarés destacou en primeiro lugar, as axudas directas de carácter económico ao sector e, en segundo lugar, declarar Galicia zona saturada de grandes superficies cunha regulación dos horarios comerciais que permita oa pequeno comercio competir en igualdade de condicións.