O Psoe censura o “abuso” da Xunta nos convenios anti incendios cos concellos

Carmen Rodríguez Dacosta esixe un incremento das partidas orzamentarias, xa que a Xunta “non tivo en conta a subida do SMI” ao hora de fixar os importes

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020. A responsable de Gandaría do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de urxir ao goberno galego o incremento da partida orzamentaria dedicada a financiar os convenios coas administracións locais para participar na prevención e defensa contra incendios forestais.

A reivindicación, realizada nunha pregunta na Comisión de Agricultura do Parlamento, pretende paliar o incremento de gasto nestas partidas trala subida do Salario Mínimo Interprofesional. Rodríguez Dacosta destacou que os concellos están asumindo unha “carga” en economías “xa minguadas” e que agora se atopan “asfixiadas”.

“Ao aumentar significativamente o custe de persoal, ao redor de 6.500 euros no caso de contar con dúas brigadas no concello, minguaron a marxe precisa para material e subministros das mesmas”, aseverou. Así, a socialista criticou que a Consellería de Medio Rural “non tivo en conta” a subida do SMI nos anos 2018, 2019 e 2020 “na fixación do importe dos convenios”.

A responsable socialista criticou o “burdo abuso” que vén dispensando á Xunta coa imposición destes convenios, aos que “non renuncian por responsabilidade”. Así, lembrou que “esta problemática” afecta a “alcaldes e concellos de todas as cores” e puxo en valor o “modélico manexo orzamentario” das administracións locais “lastradas de competencias impropias por parte da Xunta”.

A esta situación súmase, lamentou Rodríguez Dacosta, “a tardanza inxustificable na que a administración autonómica incorre á hora de aboar as cantidades conveniadas”. Así, recalcou que “cando falamos dun goberno que fai da exemplaridade da xestión continua bandeira, non hai vento que manteña ondeante o pano ao explicar que un concello co gasto feito e xustificado teña que agardar máis dun ano para recibir a totalidade do gastado”.

PRECÍSASE “UN XIRO” NAS POLÍTICAS DE LOITA CONTRA INCENDIOS

Nesta liña, a responsable socialista esixiu “un xiro” nas políticas de loita contra incendios para pór “nos traballos de prevención os medios precisos” que permitan asegurar un perímetro suficiente que salvagarde as vivendas próximas e mellore a “abandonada situación de cortalumes e pistas forestais” que faciliten o labor no caso de que se orixine un lume.

Así, subliñou a importancia de realizar tarefas de prevención, xa que “o diñeiro empregado só na expansión de palla dende helicópteros nas 80 hectáreas” no caso da defensa dos lumes do Xurés no mes de setembro, “daban para ter activas dúas brigadas con 10 persoas durante un ano enteiro, maquinaria e subministro de combustible incluído”.

Doutra banda, Rodríguez Dacosta criticou a situación das brigadas, “orfas da preparación mínima desexable para desenrolar con eficacia o labor que se lles encomenda”, xa que “na maior parte dos casos” son persoas “sen ningunha cualificación específica para o traballo que van desempeñar”.

Neste senso, criticou a formación proporcionada pola Xunta que “en pouco máis de día e medio, en cursos de 16 horas presenciais, suponse deben quedar satisfactoriamente formados”, en cuestións como a defensa contra incendios, ferramentas de extinción, seguridade laboral, primeiros auxilios ou medios áreos.