O Psdeg-Psoe leva ao pleno da Deputación unha iniciativa para desaprobar as faltas de respecto institucional e a deriva demagóxica do goberno de Baltar

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“Somos o centro das iras por destapar cacicadas”, insistiu Gómez tras afirmar que “agarda” que “o PP cambie o chip” porque “non teñen a maioría” e “por iso acaban de retirar unha moción” sobre a LOMLOE

AUDIO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“As faltas de respecto, o ton despectivo ou os insultos supoñen unha afronta contra o código ético da Deputación, redactado do puño e letra do presidente, segundo el mesmo anunciou”, aseguran no PSOE

O PSdeG-PSOE levará ao pleno da Deputación de Ourense de decembro, unha iniciativa para “desaprobar” as recorrentes faltas de respecto institucional e a deriva demagóxica, que o goberno de Baltar practica na institución. Os socialistas reclaman que o executivo provincial do PP “se desculpe e proceda á retirada inmediata de todas as expresións, insultos e descualificacións vertidas contra o PSdeG-PSOE e, nomeadamente, contra o seu portavoz”.

Igualmente demandan que “deixe de utilizar de modo partidista e irrespectuoso calquera medio oficial ou canle de difusión institucional”, e solicitan que “en todo caso, rexa todas as actuacións públicas, dentro e fóra da institución, en base ao estipulado nos códigos de ética, boa conduta, protocolo e elegancia”.

O deputado, Nacho Gómez, asegurou hoxe que “non se trata dunha cuestión persoal” contra o actual portavoz, xa que “esta forma inaceptable de facer política contra a oposición” póñena en práctica “sexa quen sexa a portavoz ou o portavoz do PSOE” que “é atacado reiteradamente dunha forma indigna”. “Somos o centro das iras por destapar cacicadas”, insistiu antes de afirmar que “non se poden permitir este tipo de ataques persoais”. Gómez “agarda” que “o PP cambie de postura, cambie o seu chip”, ante a “nova situación na Deputación” na que “xa non teñen garantida a maioría” e “por iso acaban de retirar unha moción sobre a lei de educación que ía ao pleno de decembro”.

“Insistimos aos restantes grupos da oposición que esta forma de gobernar pode mudar” porque “non son tolerables estas faltas de respecto ás persoas e ás institucións ou a ausencia de criterio no reparto de fondos”, concluíu.

Pola súa banda, o voceiro, Rafa Villarino, sinalou que “este goberno non pode centrarse nestes personalismos indignos prexudicando á institución”, ante un presidente ao que “prácelle botar abaixo o seu propio código ético” para seguir enredado na “defensa do caciquismo”. Baltar quere “seguir facendo política lixando a imaxe pública do voceiro socialista que corresponda”, advertiu. Villarino recordou que o código ético do que “presumía” Baltar “non é o Código de Hammurabi” e, polo tanto, debe ser cumprido por todos e todas na Deputación de Ourense. “Imos defender a seriedade e o respecto pola provincia e pola institución que desde o goberno do PP non practican”, remachou.

“Nós imos loitar polo respecto nesta institución”, advertiu o voceiro. Os socialistas recordan que “membros do goberno do PP da Deputación expresaron descualificativos, algúns moi graves, contra representantes da oposición empregando, de xeito sistemático, un ton hostil e vexatorio para referirse a persoas que, simplemente, están a traballar” a pesar de contar a institución cun código ético que veta estas prácticas.

Este código determina que deben “tratar ás demais persoas sempre e en todo caso co respecto debido e a consideración que requira cada situación” e que “non deben conducir a súa conduta de tal modo que poida prexudicar a imaxe da organización que representa ante a cidadanía ou a afectar á súa reputación institucional”. Tampouco poden “utilizar a súa posición institucional co fin de obter vantaxes para si ou procurar vantaxes ou desvantaxes para calquera outra persoa ou entidade”. Igualmente teñen a obriga dun trato de “respecto máximo entre os integrantes do grupo de goberno e os membros da oposición”.

“As faltas de respecto, o ton despectivo ou os insultos supoñen unha evidente afronta contra o código ético e de conduta desta Deputación, redactado do puño e letra do propio presidente da institución, segundo el mesmo anunciou”, advirten antes de concluír sinalando que estas malas prácticas contra os diferentes portavoces, só do PSOE, “non caben” neste código ético.