
A Deputación de Ourense e Correos chegaron a un acordo para a mellora dos servizos públicos facilitando á poboación da provincia de Ourense a xestión de trámites administrativos. O acordo permite a posta en marcha dunha campaña de envíos postais para promocionar o servizo que facilita á cidadanía o pago, a través xiro postal, de débedas tributarias e outras de Dereito Público xestionadas pola Deputación de Ourense. Este servizo préstase grazas ao convenio de colaboración entre as dúas entidades, do que falaron hoxe na reunión celebrada no Pazo Provincial o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os directivos de Correos Orlando Cid, director da oficina principal de Ourense, e Benito Gómez, xefe de sector da rede de oficinas de Ourense.
Por medio deste acordo, Correos pon ao dispor da Deputación de Ourense a súa rede de vinte oficinas na provincia e as 2.393 distribuídas por toda España, nas que presta os servizos de xiro postal, facilitando así á poboación o cumprimento das obrigacións tributarias que teñan coa Deputación de Ourense.
“Seguir achegando a Deputación á poboación con mellores servizos, maior eficacia e axilidade nos trámites é un dos obxectivos do goberno provincial”, destaca Manuel Baltar, mentres que os directivos da entidade postal sinalan que Correos continúa ofrecendo os seus servizos a institucións, administracións e empresas para facilitar a vida dos cidadáns e impulsar e desenvolver a actividade da súa rede de oficinas, un activo que garante o acceso ao servizo público e contribúe á cohesión territorial e ao desenvolvemento económico, tanto en ámbitos urbanos como nas zonas rurais.