A Deputada Uxía Tizón participa nun estatuto básico de municipios de menor poboación

O Grupo Parlamentario Socialista, coa deputada do PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón, entre as impulsoras, rexistrou no Congreso unha Proposición non de Lei sobre a elaboración do Estatuto Básico dos Municipios de Menor Poboación, para o seu debate na Comisión de Política Territorial e Función Pública e na comisión de Reto Demográfico. A iniciativa insta ao Goberno a elaborar e aprobar un Estatuto que contribúa a fixar poboación nas áreas menos poboadas. Doutra banda, a proposición non de lei pretende, a través da elaboración deste Estatuto, mellorar a organización e o funcionamento administrativo, procedementos de contratación e prestación de servizos por parte dos municipios de menos de 5.000 habitantes. Ademais, a iniciativa socialista engade que a tramitación do Estatuto Básico dos Municipios de Menor Poboación realizarase en colaboración coa FEMP e resto de actores implicados, buscando o maior consenso posible para conseguir un texto adecuado ás necesidades dos municipios de menor poboación. A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón, subliña a importancia desta proposición non de lei para Galicia, e nomeadamente para Ourense, que “presenta graves indicadores demográficos ao longo das últimas décadas”. “Galicia e Ourense están cheos de pequenos municipios que teñen que exercer as súas competencias e funcións nun marco de organización e funcionamento que non sempre se adapta as súas necesidades”, explica Tizón, que tamén apunta que “non é o mesmo xestionar un concello dunha gran cidade que un pequeno municipio de menor poboación”. A deputada ourensá sinala que o obxectivo do PSOE “é impulsar este estatuto para conseguir que pequenos municipios en risco de despoboamento teñan a capacidade de aliviar a súa xestión facilitándolles unha lexislación moito máis especifica e poder así manter a calidade democrática”.

Na exposición de motivos da proposición non de lei, o Grupo Parlamentario Socialista sostén que “os municipios máis pequenos tiveron que exercer as súas funcións no marco dun réxime de organización e funcionamento que non sempre se adapta ás súas necesidades”, e subliña que “as normas de contratación pública establecen limitacións con respecto ao número de veces que se pode contratar ao mesmo provedor, isto provoca efectos contraproducentes nos pequenos municipios”. “Retos como o cambio climático ou o propio reto demográfico, teñen que ser abordados en colaboración cos pequenos municipios, onde se precisan as solucións para a poboación. Para iso teñen que ter unhas normas de procedemento administrativo, contratación pública ou normas orzamentarias axustadas ao tamaño dos seus proxectos”, insisten a socialista Uxía Tizón. Así mesmo, lembran a importancia de elaborar un Estatuto Básico dos Municipios de menor poboación co obxectivo de fixar a poboación ao territorio, manter a calidade democrática, de acordo co noso Estado democrático, e garantir as condicións de vida dos cidadáns con independencia do territorio no que residan e coa prestación duns servizos públicos de calidade.

AVANTAR ACTIVIDADES