O BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores da concesionaria dos buses do Concello de Ourense

Para os nacionalistas, é urxente que o concello se poña á fronte e actúe como intermediario entre os traballadores e traballadoras e a empresa concesionaria

 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense quere amosar públicamente o seu apoio as reivindicacións que neste momento están pondo enriba da mesa as traballadoras e os traballadores da empresa concesionaria do transporte público do Concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ditos traballadores teñen plantexados unha serie de paros para os vindeiros días ante a imposibilidade, cando menos ata hoxe, de chegar a un acordo coa empresa concesionaria do servizo de buses sobre cuestións que teñen que ver coas retribucións, onde calculan unha perda duns 200€ ao mes, coa xornada de traballo e cos descansos.

Para o BNG o feito de que a concesión se atope, como tantas outras, en precario, agrava a situación, pois o concello conta actualmente cun transporte obsoleto e cunha distribución de liñas que non cubren nin as necesidades nin as demandas existentes.

Do mesmo xeito, lembran os nacionalistas, falamos dun servizo que aínda que esté concesionado e en precario, é imprescindíbel para centos de veciñas e veciños que o empregan a diario.

Ademáis, e tendo en conta que o concello paga polo servizo, desde o BNG pídenlle ao actual goberno local que se implique nas negociacións para poder chegar a un entendemento o antes posíbel que evite as consecuencias que sobre a veciñanza terían tanto os paros parciais como a folga anunciada en caso de non acadar un acordo.