O Psdeg-Psoe reclamará que a Deputación combata e condene calquera discurso negacionista da violencia de xénero

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE reclamará que a Deputación de Ourense “combata e condene” con rotundidade “calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero”, durante o debate do pleno provincial deste venres, xusto tralo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra o 25 de novembro de cada ano. Nunha iniciativa proporán que o máximo órgano colexiado desta institución se manifeste unanimemente en contra de calquera posicionamento político ou social que cuestione ou poña en dúbida minimamente estas violencias.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“É inadmisible que representantes políticos, sociais ou empresariais xustifiquen ou minusvaloren estas actitudes con escusas, mentiras ou peros”, advirten desde o grupo provincial antes de aseverar que “non podemos resignarnos a que algúns asuman como normal unha traxedia dolorosamente cotiá” porque “o que sucede non é un destino escrito en pedra, senón o resultado dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, que persiste como unha crise silenciosa”.

“Non imos quedar de brazos cruzados e imos asegurar, coas nosas accións, a liberdade, a seguridade e a independencia das mulleres, a pesar de ter a unha parte da dereita e aos seus altofalantes vociferando ante as propostas contra este problema”, insisten os deputados e deputadas.

Os e  as socialistas  ourensáns  queren que a deputación “poña negro sobre branco” ante “quen utiliza o poder que dan as tribunas dos plenos, dos parlamentos e das institucións para falar de ideoloxía de xénero, cuestionar a lexislación ou o Pacto de Estado e mesmo atacar ás mulleres que denuncian”.  “Non podemos ser cómplices destas desvergoñas co noso silencio”, insisten.

A moción tamén reclamará aos gobernos provincial e estatal medidas para denunciar as violencias que se exercen sobre as mulleres e para ampliar as políticas para a súa erradicación. Concretamente, instará á Deputación a impulsar medidas contidas na Lei Orgánica 1/2004 e no Pacto de Estado no marco das súas competencias e a colaborar coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade. Igualmente reclamará ao ente provincial, “impulsar políticas públicas no ámbito dos servizos sociais, promoción da sanidade e igualdade, co obxectivo da abolición da prostitución”.

A iniciativa demandará do Goberno de España “actualizar e renovar” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas Cortes Xerais, co fin de “buscar o maior consenso político e social” para a “mellora da coordinación institucional co fin de garantir que os fondos do pacto se implementen da maneira máis óptima”, así como a “impulsar un marco normativo orientado á abolición da prostitución”.

Con motivo da celebración deste 25 de novembro, o PSdeG-PSOE coincide na “importancia vital” de alcanzar un gran acordo para renovar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co fin de “blindalo máis aló dunha lexislación que se pode derrogar, pois este pacto vincula aos grupos parlamentarios, o que é realmente relevante fronte a discursos negacionistas”.

Respecto á abolición da prostitución –unha medida iniciada noutros países da nosa contorna– os e os socialistas ourensáns afirman que “a pesar de que hai moitos intereses creados” en torno a ela, teñen “claro” que “é unha batalla que hai que dar porque temos a obriga de protexer a esas mulleres e a dignidade do noso país”. “Necesitamos unha boa lexislación e unha mellor práctica transversal en todas as institucións, que sexa multidisciplinar e que abarque a recuperación das vítimas de violencia e de trata”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------