O BNG reclama que os Orzamentos 2021 inclúan xa un plan de usos do Parque do Xurés

IES CHAMOSO LAMAS

  As nacionalistas insisten na mellora da AG-31 desde Celanova até a fronteira con Portugal e propoñen un polígono empresarial entre Bande e Lobeira.

•  Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense, estima que a cuantificación do investimento demandado polos nacionalistas para as comarcas da Baixa Limia e Celanova alcanza os 6,5 millóns de euros sobre a previsión do goberno galego.

OZOCOgz Deseño Galego

 O BNG presentou unha emenda aos Orzamentos 2021 da Xunta de Galiza para a realización dun plan de usos e xestión do Parque Natural do Xurés, na Baixa Limia, cunha dotación inicial de 600.000 euros. Ademais, as nacionalistas defenderán outras sete emendas no debate das contas públicas para este ano, entre as que se inclúen o desdobramento e mellora da AG-31 para completar o tramo de Celanova até a fronteira portuguesa, unha demanda das veciñas e veciños da Baixa Limia que se remonta xa dúas décadas, a execución dun polígono empresarial nos Chaos e Santa Comba, para dar servizo aos concellos de Bande e Lobeira, infraestrutura contemplada nunha partida de 7 millóns de euros para desenvolver sete novos polígonos no país.

NP Emendas Orzamentos 2021 Premer na Imaxe

O Parque Natural do Xurés estende as súas 29.345 hectáreas polos concellos de Entrimo, Lobios, Muíños, Bande, Lobeira e Calvos de Randín, nun espazo incluído na Rede Natura e con declaracións de protección como Lugar de Interese Comunitario), Zona Especial Interese para as Aves, ou Zona Especial Protección dos Valores Naturais, e desde 2009, Reserva da Biosfera baixo o amparo da Unesco. “Malia todos estes recoñecementos sobre o extraordinario valor do espazo, o certo é que se pode constatar  o seu progresivo abandono por parte das Administracións Públicas, singularmente da Xunta de Galiza”, denuncia Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense e autor da emenda que as nacionalistas defenderán no Parlamento. O deputado explica que o plan de usos propostos non esgota todas as medidas que se precisan para o coidado do parque, e lembra que o BNG demandará un plan de defensa contra incendios específico para o parque, así como a avaliación do impacto dos lumes nos últimos anos.

“A cantidade do investimento das emendas aos Orzamentos 2021 no que atinxe ás comarcas da Baixa Limia e de Celanova está ao redor dos 6,5 millóns de euros sobre as previsións de gasto da Xunta”, indica Iago Tabarés, que tamén fai referencia ás demandas incluídas en propostas de mellora de saneamentos e de construcións de depuradoras. Así, as nacionalistas reclamarán a execución dun proxecto piloto de depuración por humedais en concellos destas comarcas, e unha EDAR no Limia, no termo de Ponteliñares, que dará servizo aos concellos da Baixa Limia.

Tamén se verían beneficiados estes concellos por medidas como a posta en valor do Couto Mixto, actuación para a que se reclamou unha dotación de 75.000 euros. Ademais, as nacionalistas levarán a debate a construción dunha central de biomasa en Entrimo e dunha nova captación de auga para o Concello da Merca, emenda na que o BNG solicita o compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Territorio, despois de que o PP intentase descargar as súas responsabilidades da falta de subministro de auga potábel durante sete meses de 2020 na Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Saúde e asistencia socio-sanitaria, prioritarias

Fronte as políticas de desmantelamento e privatización do Partido Popular que se demostraron fatais durante a pandemia, o BNG aposta por uns Orzamentos “que convertan a saúde pública e a atención socio-sanitaria en prioridades absolutas”, explica o deputado nacionalista Iago Tabarés. O BNG Terra de Celanova e Baixa Limia lembra que nestas comarcas hai exemplos de loitas polo mantemento do sistema público de saúde, como o caso do servizo de radiodiagnóstico en Celanova, que evidencian que esas políticas pódense reverter. “Tamén están os casos das crises nas residencias de Celanova en marzo e de Lobeira en setembro, que amosaron as debilidades da atención socio-sanitaria, e o absoluto abandono por parte da Xunta destes centros”, di Tabarés, que insiste na vontade do BNG de fortalecer o sistema público de coidados. “Por iso presentamos unha emenda para un novo modelo de Atención Primaria con 250 millóns de euros e para un plan de Saúde Mental de 21 millóns de euros”, resume.

Alternativas para o rural

Fronte as políticas de expulsión da poboación e espolio dos recursos naturais, empezando polos solos e ríos, que promove o PP, as nacionalistas apostan por un rural con capacidade para recuperar todos os usos produtivos en condicións ambientalmente sostíbeis. “Defendemos unha reordenación dos montes, un impulso da gandaría extensiva e a modernización das producións; unha alternativa real para o rural”, subliña Iago Tabarés, e detalla os programas e as cantidades cos que o BNG pretende dar un pulo ao rural desde os orzamentos: plan de desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas para facilitar a vida nas explotacións (cunha dotación de 500.000 euros), reactivación do banco de terras (12 millóns), posta en valor das producións de horta (4 millóns) axudas ao redimensionamento das pequenas explotacións (10 millóns), reordenación da política forestal e introdución de plans de innovación (9 millóns), plan de gandaría extensiva (5,5 millóns), así como 11 millóns de euros para a promoción dun grupo lácteo galego.

Autónomos, vivenda e turismo

O BNG reclama un modelo alternativo de país a través das diferentes emendas presentadas aos Orzamentos 2021. Así, as nacionalistas piden avanzar na reorientación do turismo -plan para un novo modelo turístico dotado con 44 millóns de euros- e das políticas de vivenda -estratexia galega de incremento do parque de vivenda en alugueiro e mobilización da vivenda baleira, acompañado dun plan de emprego e emancipación de mozas e mozos, dotados con dez millóns en total-.

Finalmente, Iago Tabarés destaca entre as emendas do BNG os proxectos “para a dinamización económica con atención especial aos sectores máis atinxidos polas consecuencia da pandemia” e indica as iniciativas concretas: diferentes plans de rescate, como o do comercio (cunha dotación de 34 millóns de euros), que inclúe o impulso aos mercados de proximidade, das prazas de abastos e medidas para a dinamización do comercio local; o da hostalaría e negocios asociados (15 millóns) e o dos autónomos (40 millóns).