Os socialistas instan ao goberno municipal a requirirlle a familia propietaria da torre a documentación sobre a adquisición deste Ben de Interese Turístico Nacional
O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, reclama que a torre “debe pasar a mans do Estado” e que “ante o seu deterioro debe recuperarse en condicións idóneas para ser un referente turístico”
O PSdeG-PSOE de Cartelle levará ao vindeiro pleno municipal unha moción na que reclama que o Concello inicie os trámites coa colaboración das administracións necesarias (Deputación, Xunta de Galicia, Goberno do Estado) para que a Torre de Sande pase a ser de titularidade pública e se proceda a súa rehabilitación e posta en valor. Os socialistas tamén instan ao Concello de Cartelle a solicitar a familia Reza, propietaria da Torre de Sande, coa maior brevidade posible a documentación relativa a adquisición deste Ben de Interese Turístico Nacional.
A Torre de Sande é unha sas maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle, pero “atópase nun estado calamitoso, cheo de gretas que fan perigar a estabilidade da estrutura e totalmente abandonada”, sinalan os socialistas do municipio. Trátase dunha torre conservada do antigo castelo, que conta con varias plantas de altura e aínda que a súa orixe é incerta, hai datos históricos que falan da súa existencia xa no século XII, pero tal e como afirman dende o PSdeG de Cartelle “a torre quedou abandonada no século XIX e a actual propietaria, a familia Reza non pode facer fronte os gastos de rehabilitación”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no municipio, Jesús Pereira “trátase dun elemento clave na historia do noso Concello” motivo polo que subliña que “debe pasar a mans do Estado”. Pereira afirma que dado o seu deterioro “debe recuperarse en condicións idóneas e poida servir como referente turístico do noso municipio, algo que xerará importantes beneficios para a economía local e a posibilidade de xerar novos postos de traballo, motivos moi importantes e de gran calado nestes tempos de pandemia e nos que Cartelle non é alleo a crise demográfica que se vive na provincia”.
Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a Torre de Sande debe pasar a mans públicas para “unha correcta xestión da mesma, a reforma integral, a posta en valor patrimonial, e en definitiva para que a veciñanza do noso municipio poida desfrutar e sentirse orgullosos dun ben de gran interese tanto no eido cultural coma patrimonial”. “Para acadar esta situación, consideramos que o Concello de Cartelle debe dar os pasos necesarios para que a titularidade da torre cambie a mans públicas, sentándose a negociar cos propietarios da mesma, a familia Reza”, explica Jesús Pereira.
O PSdeG-PSOE de Cartelle considera que a única opción posible para recuperar a Torre de Sande é que pase a mans públicas e discrepa de opcións como unha concesión, “xa que deste xeito o que se faría sería gastar cartos públicos en rehabilitar unha propiedade privada, da que se beneficiarían os seus supostos donos”. Cabe lembrar que a Torre de Sande se atopa na Lista Roja de Patrimonio dado o seu deterioro e que en 1949 foi declarada de Interese Turístico Nacional.