O Psdeg-Psoe destaca o “férreo compromiso” do goberno de Pedro Sánchez con Ourense

O Psdeg-Psoe destaca o “férreo compromiso” do goberno de Pedro Sánchez con Ourense tras unha reunión de traballo co subdelegado do goberno na provincia

No encontro participaron o deputado, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón; o senador, Miguel Bautista; e o coordinador dos deputados socialistas galegos, Guillermo Meijón

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas amosaron a súa “satisfacción” ao remate da reunión e anunciaron que farán “un seguimento continuo das obras que se están desenvolvendo na nosa provincia”

Os representantes institucionais do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón; o senador, Miguel Bautista e o coordinador dos deputados socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón mantiveron unha reunión de traballo co subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso para facer un repaso do conxunto de iniciativas do Goberno central en Ourense. Os socialistas destacan o “férreo compromiso” do PSOE coa provincia de Ourense a través das diferentes actuacións.

No transcurso desta reunión de traballo tratáronse diferentes temas relativos as principais iniciativas do Goberno na provincia, así como a evolución das distintas actuacións que se están a desenvolver en materia de infraestruturas, transportes, medio ambiente e actuacións polas que a provincia levaba anos esperando. Deputado, deputada e senador amosaron a súa “satisfacción” ao remate da reunión e anunciaron que farán “un seguimento continuo das obras que se están desenvolvendo na nosa provincia”.

Un dos temas principais que se tratou na reunión foron as obras que se están levando a cabo na liña de Alta Velocidade que unirá Ourense con Madrid e que será unha realidade a principios do segundo semestre do ano actual. Os socialistas destacan o “compromiso do Goberno co cumprimento dos prazos establecidos” e critican “os anos de parálise do Partido Popular que provocaron grandes demoras nas obras durante o goberno de Mariano Rajoy e con Ana Pastor ao fronte de Fomento”. Dentro de estas obras de alta velocidade cabe destacar os 26 millóns de euros que se destinan a Variante Exterior.

Fíxose fincapé no investimento na liña ferroviaria do Corredor Atlántico entre Ourense e Lugo, previo paso por Monforte, para a que Adif consignou 16 millóns de euros que repercutirán directamente na provincia de Ourense, dos cales 12,7 millóns se dedicarán a actuación de renovación e 3,3 millóns para electrificación. “Trátase dunha obra histórica tras anos de desleixo as liñas ferroviarias do interior de Galicia e que é clave para as mercancías e a futura conexión de AVE con Lugo”, explican os socialistas. Dentro das partidas en materia ferroviaria tamén destacan os 3,1 millóns para a renovación da liña de conexión a León; 2,2 millóns no tramo Monforte-Cobas; 11,6 millóns na liña Vigo-Redondela-Ourense; 2,3 millóns que Renfe dedica a realización de melloras de seguridade ou circulación en liñas da provincia ou a continuación da fase de planificación da nova liña Ourense-Vigo, por Cerdedo.

Os socialistas tamén destacan os 22,9 millóns de euros relativos a variante de O Barco destinados para continuar a conexión entre a N-120 e a N-536 da que afirman que “permitirá desconxestionar o tráfico na vila, mellorar as conexións e sacar o tráfico pesado do casco urbano, algo que levabamos anos demandando e que foi impulsado por un goberno socialista”. Dentro das iniciativas do Goberno central tamén destacan 9 millóns de euros para conservación e explotación de diferentes estradas na provincia.

Tamén puxeron o foco no museo arqueolóxico de Ourense, no que o Goberno inviste 4,7 millóns de euros para rematar “unha obra clave na cidade e pola que os socialistas levamos loitando moitos anos e que por fin será unha realidade”.