A Deputación de Ourense iniciará en febreiro a redacción do proxecto de mellora da estrada que une Astariz e Macendo en Castrelo de Miño

Visita de Pablo Pérez Pérez (Deputado provincial de cooperación) con Avelino Pazos Pérez (Alcalde de Castrelo de Miño), para visitar as estradas do concello .

A Deputación de Ourense iniciará no mes de febreiro a redacción do proxecto de mellora e acondicionamento da estrada OU-0304, que une as parroquias de Astariz e Macendo, no Concello de Castrelo de Miño. O deputado delegado de Cooperación, Pablo Pérez, anunciou hoxe o próximo comezo deste proxecto, reafirmando así “o compromiso adquirido no seu momento pola Deputación tanto co seu alcalde como coa veciñanza de Castrelo de Miño para a reforma deste vial”. 

Pablo Pérez lembrou que esta actuación está recollida nos orzamentos de 2021, dentro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial, cunha partida inicial de 250.000 euros para a redacción do proxecto, cuxo remate está previsto para o 2022, incluíndo en sucesivas anualidades as contías necesarias para rematar as obras. Os traballos, que comezarán no cruzamento da estrada provincial coa estrada autonómica OU-402, en Astariz, consisten na ampliación do trazado, eliminación de curvas e renovación do firme. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado de Cooperación destacou e agradeceu a disposición do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, para axilizar a execución do proxecto, comprometéndose a colaborar no trámite de expropiación negociando cos propietarios das fincas afectadas a cesión dos terreos  necesarios para o ensanche da estrada.