O Psoe de Ourense actualiza o plan Estratéxico Termal

O PSdeG-PSOE vén de iniciar unha rolda de contactos co obxectivo de “traer ao presente” o Plan Estratéxico Termal de Ourense, en liña cos compromisos do seu programa electoral e ante a “absoluta pasividade” do microgoberno nesta materia.

Así, o primeiro dos encontros foi con Pedro Araújo Nespereira, experto en hidroxeoloxía das augas termais de Ourense e Profesor Titular de Xeoloxía na Facultade de Ciencias do Campus ourensán. Desde o grupo socialista adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes sociais para “unir forzas a favor da posta en valor da nosa riqueza termal e xeotérmica”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta primeira cita, o voceiro socialista, Rafa Villarino, xunto cos concelleiros da área de termalismo, Rosa Martínez e Javier Rey, mantiveron un “produtivo encontro” con Araújo, no cal conversaron sobre a importancia das augas termais como motor económico da cidade, así como das oportunidades futuras en política termal. “Agora máis que nunca debemos facer unha aposta decidida por relanzar o termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea”, subliñou Villarino.

Cómpre lembrar que o grupo municipal socialista presentou unha moción de consenso no último pleno do mes de xaneiro para instar ao Concello a recuperar e actualizar o plan termal da cidade, e que foi aprobada co voto en contra do grupo de DO. No texto da iniciativa, os socialistas avogan por dotar a cidade dunha “guía estable” que permita “ordenar, priorizar, temporizar e cuantificar accións, estudar o financiamento das mesmas e facer un seguimento para comprobar o seu cumprimento”.

Neste sentido, os socialistas lamentan o “desinterese” de Jácome en materia de termalismo, máis alá de “ocorrencias e improvisacións” como o Parque Acuático Termal, ao tempo que esixen o “claro respaldo da Xunta de Galicia”, competente en materia de augas, co fin de evitar que “a maior riqueza da cidade caia no absoluto abandono e desaparición”.