Gonzalo Caballero no Carballiño para ter unha xuntanza de traballo con Paco Fumega

Gonzalo Caballero esixe a feijóo “responsabilidades políticas” e “explicacións” pola vacinación irregular da alcaldesa de Boimorto: “dixo que ningún alcalde do pp estaba vacinado, pero mentiu”

O líder dos socialistas galegos acusa ao goberno galego de “maquillar os datos” das camas ocupadas en UCI, que se atopan “por riba do 60% na sanidade pública”, e alerta sobre o desprazamento de pacientes críticos “dende Ferrol a Lugo ou Pontevedra”

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral cualifica de “cinismo” a actitude de Feijóo por pedir a reactivación da Conferencia de Presidentes ao tempo que “se nega a chamar” á oposición para “compartir” a información e buscar vías de solución

O alcalde do Carballiño salienta que dedica máis dun millóns de euros a “mover a economía local” e reclama á Xunta axudas para os negocios afectados pola crise e polas restricións

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, para avaliar a situación actual da pandemia e as necesidades do municipio.

No contexto do desenvolvemento do plan de vacinación fronte á covid, Gonzalo Caballero referiuse ao feito de que a alcaldesa de Boimorto, do PP, accedera de xeito irregular a unha dose. “Feijóo debería comparecer, pedir responsabilidades políticas e explicar que fai o PP cando un cargo do seu partido se vacina fóra do protocolo”, sentenciou.

Sobre todo, como sinalou o líder socialista, logo de que Feijóo afirmase no Parlamento que ningún alcalde do PP fora vacinado en Galicia e de que non aclarase as denuncias de irregularidades na vacinación en Pontevedra ou en Burela.

Ao fío diso, Gonzalo Caballero incidiu en que Feijóo “ten que garantir un proceso de vacinación transparente, sen irregularidades, no que se apliquen os protocolos de forma perfecta e se lle coloquen as vacinas ás persoas que son prioritarias”. “Porque os procesos opacos ou escuros poñen en dúbida a transparencia e validez do sistema”, advertiu.

SATURACIÓN DAS UCI

Ademais, en canto á situación sanitaria pola covid, o responsable do PSdeG amosou a súa preocupación ante o incremento das camas ocupadas nas UCI. Neste senso, acusou ao presidente da Xunta de “maquillar os datos”, porque “a realidade é que están ocupadas por riba do 60% no sistema público” e que segue aumentando a presión hospitalaria.

En concreto, explicou que a Xunta “está dando unha porcentaxe de ocupación en referencia ao número de camas máximas que podería haber en Galicia, incluíndo hospitais privados e camas que non están instaladas, pero o certo é que, a día de hoxe, hai áreas sanitarias nas que as camas UCI “están saturadas”.

Así, destacou o caso de Ferrol, onde “estamos vendo como se está desprazando a enfermos críticos” cara a Lugo ou Pontevedra, o cal “empeza a exemplificar o nivel de ocupación dalgunhas áreas”; e recordou a “alarmante” presión asistencial que están a vivir outras áreas sanitarias, como A Coruña, Santiago e Ourense.

Por iso, Gonzalo Caballero chamou a actuar nas súas competencias para “fortalecer a sanidade pública con máis persoal” logo da “fallida estratexia Salvar o Nadal”. “Ten que salvar a saúde e a economía”, recalcou.

CONFERENCIA DE PRESIDENTES

E, coa vista posta na xuntanza de Feijóo co presidente do goberno, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que Feijóo ten que “deixar a confrontación” e de “buscar a confusión” con “debates estériles” sobre as máscaras ou o toque de queda, asuntos que deben estar baseados nas recomendacións dos comités clínicos.

“É hora de actuar e non de estar de brazos cruzados”, reclamou Gonzalo Caballero, quen cuestionou o “cinismo” da actitude de Feijóo, que fala de “reactivar a Conferencia de Presidentes pero, á vez, el se nega a chamar, nin sequera nunha ocasión, aos partidos da oposición para falar e compartir unha folla de ruta ante unha situación tan crítica”.

O GOBERNO MUNICIPAL DO CARBALLIÑO, “UN EXEMPLO”

Por último, Caballero respaldou o traballo que se levou a cabo dende o Concello do Carballiño, co seu alcalde, Francisco Fumega, á cabeza, porque “defende á súa veciñanza” e porque “estivo á altura das circunstancias” nun momento moi complexo.

“A xestión da covid feita polo Concello do Carballiño é un exemplo para toda Galicia”, destacou o máximo dirixente dos socialistas galegos, quen recordou que dedicaron “máis dun millón de euros” para afrontar esta crise sanitaria. A modo de exemplo, citou que se investiron “600.000 euros para axudar a autónomos, hostalería e comercio; 200.000 euros para fomentar o comercio local ou 60.000 euros para incentivar, a través das redes sociais, a actividade económica” do municipio.

Por último, Gonzalo Caballero comprometeuse a defender as demandas do Carballiño ante as distintas administracións, como a cuestión prioritaria da modernización do centro de saúde, que foi aprobada no Parlamento de Galicia a iniciativa da deputada socialista do Carballiño, Marina Ortega. “A Xunta debe cumprir coa sanidade pública na comarca de Carballiño”, remarcou.

Finalmente, Caballero e o alcalde Fumega abordaron outras cuestións en materia de seguridade vial e infraestruturas no concello, como a N-541.

“CORRESPONSABILIDADE” DAS ADMINISTRACIÓNS

Pola súa banda, o rexedor socialista Francisco Fumega instou a todas as administracións públicas a “ter corresponsabilidade” ante a situación que estamos a vivir. Así, recordou que “dende o municipalismo levamos anos amosando madurez” e, agora, no caso do seu municipio, dedica máis dun millón de euros “para mover a economía local”.

Neste senso, urxiu a “apostar por un modelo” que permita extender as axudas máis alá do sector da hostalería, xa que “hai xente que ten outros negocios” que “tamén se viron afectados polo peche e pola realidade da crise”. Fumega concluíu que o goberno municipal seguirá traballando ao servizo dos veciños e negocios do Carballiño.