O Psdeg-Psoe de Cartelle denuncia que 28 anos despois da concentración parcelaria no municipio os propietarios seguen sen títulos de propiedade dos terreos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os socialistas critican o “desleixo e abandono” que vive a veciñanza por parte do Concello e Xunta de Galicia, “que nin dan solucións, nin moven un dedo por resolver un tema de suma importancia”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O voceiro do PSdeG-PSOE, Jesús Pereira, considera “inadmisible que case tres décadas despois non haxa solución para estes propietarios” e pídelle ao PP que “abandone o inmobilismo e se poña a traballar para dar resposta aos problemas reais da veciñanza de Cartelle”

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia o “desleixo e abandono” que viven os veciños e veciñas do municipio por parte do grupo de goberno municipal do Partido Popular e da Xunta de Galicia, que non da solucións a máis de 1000 propietarios de parcelas nunha concentración na parroquia de Cartelle, iniciada no ano 1993, e na que a día de hoxe a Xunta e Medio Rural, aínda non redactaron, nin entregaron os títulos de propiedade. Os socialistas urxen as institucións a que se poñan a traballar canto antes para dar solución a un problema que se arrastra durante as últimas dúas décadas e que provoca graves problemas aos propietarios, ao non dispor de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos.

Dende o Grupo Municipal Socialista indican que entre o ano 2006 e 2007 rematouse coa concentración parcelaria das fincas na parroquia de Cartelle, pero ata día de hoxe “ningún veciño recibiu o título que o autoriza como propietario da parcela”. Os socialistas afirman que no seu momento foron 1200 os veciños e veciñas que destinaron as súas fincas a esta concentración parcelaria “buscando sacar produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado”.

Tal e como indica o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, “Medio Rural escúsase e desvía o tema dicindo que os papeis están nunha notaría e non ofrecen solucións nin asumen a súa responsabilidade. Unha situación que provoca que os veciños e veciñas teñan que desprazarse ata estruturas agrarias “en busca dunha certificación, o non dispoñer de título de propiedade, cada vez que precisan solucionar algún problema relativo coas súas parcelas”, explica o voceiro socialista, que considera “inadmisible que nos tempos que corren non se lle dea ningún tipo de solución”.

Pereira esíxelle ao Concello de Cartelle “que abandone o inmobilismo e se poña dunha vez por todas a traballar pola veciñanza para dar resposta a este problema grave polo que a veciñanza leva anos pedindo solucións”. O socialistas critica as políticas do PP no rural das que din “non dan ningún tipo solución ao abandono e no caso de Cartelle e desta parcelaria, demostra que non hai ningún tipo de interese en que non se abandone e se lle saque partido as terras”.

Os socialistas presentarán un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”.